Unha trintena de “roteiros” de bicicletas clásicas déronse cita por terceira vez, este sábado pola mañá, na vila pondaliana de Ponteceso, vestidos a maioría con roupa de época. Aínda que este ano non foi tan numerosa a asistencia, debido ás inclemencias do tempo meteorolóxico, tendo que deixar de facer unha parada técnica de case unha hora e media, pero o percorrido cumpriuse, aínda que co debido atraso en todas as etapas planificadas.
A saída foi dada sobre as 12,00 h. desde o MELGA (Centro Cultural), percorrendo a Trabe, Tella, Ponteceso, o Malecón, A Barra, o Couto, o Agra e de novo ao museo, para “aparcar” alí as correspondentes bicicletas sobre as 14,00 h. da tarde. Despois de “procesionar” todos os integrantes polos diferentes locais, que colaboraron na ruta, degustáronse os variados petiscos que alí se ofrecían, e a continuación desprazáronse a unha casa rural, onde gozaron dos exquisitos produtos da zona como os callos e os queiques de mazá e améndoas, considerados os mellores do mundo.
Unha xornada de convivencia festiva tendo como punto de conversa maioritaria as bicicletas, a gastronomía e a cultura monumental da zona. Acordouse e aprobouse por unanimidade que todos os anos, a partir deste, a festa da Barquiña e a súa ruta ciclista, estaría fusionada co “día Internacional dos callos galegos”.
Os asistentes á ruta, procedían da zona de Ponteceso pero tamén contamos con amigos de Arteixo, Cabana, A Coruña, Corme, Laxe, Coristanco e como novidade cunha familia bilbaína, que se atopaba de vacacións na zona. Por descontado se votou en falta os amigos de Pontedeume y de Lugo que todos os anos acompáñanos.
Leave A Comment