Aínda que pensamos que este ano, polo ritmo das inscricións, podería ser o arranque definitivo da Ruta de Bicicletas Clásicas no concello de Ponteceso, moitos dos participantes, debido ao mal tempo, non se arriscaron e preferiron gardar as bicis para o ano entrante. De todos os xeitos chegouse á trintena de compoñentes que realizaron a cuarta ruta, que correspondía a este ano 2017 e pertencían ás localidades de Oleiros, Pontedeume, Ferrol, Arteixo, Soneira-Vimianzo e A Coruña. O único participante pontecesán foi Miguel Márquez que nalgunha ocasión converteuse no guía turístico da ruta. Tamén hai que apuntar que nesta ocasión que tivemos a compañía da bloguera Ana Bares de “Bares e máis lugares”, que non deixou de apuntar todo o visto na xornada, para realizar, a próxima semana, unha gran reportaxe da ruta, da gastronomía, dos lugares visitados, etc… do concello de Ponteceso. Os integrantes partiron do MELGA (Centro Cultural) ás 12,00 h. en punto, para percorrer aproximadamente uns 12 quilómetros en chairo, pasando pola Trabe, Campo da Feira, Recheo, Malecón, A Barra, O Couto/Cospindo, o Agra, Recheo, Anllóns e final de traxecto de novo no MELGA. As paradas efectuadas foron: a Trabe, Casa de Eduardo Pondal, A Barra, Fundación Pondal, A Trabe e a Pesqueira.
Na Trabe, o descanso foi amplo, xa que na cefetería “O Cruce”, rexentado por Sandra Charlin e o seu esposo Suso, ofrecéusenos un abundante e variado “tentempié” de petiscos da casa, para repoñer as forzas perdidas no paseo. Como dato curioso comentar que Sandra, Suso, familiares e amigos, todos sen excepción, estiveron caracterizados de época como os ruteros ciclistas, ademais de colaborar coa organización do evento. A continuación todos os participantes desprazáronse coas súas bicicletas ao restaurante “A Pesqueira”, que tamén colaborou no evento, para xantar en primeiro lugar unha enorme e magnífica paella, rematando a faena, como todos os anos, co prato estrela da xornada, unha abundante e sabrosísima “callada”, preparada polo excelente chef e restaurador Pablo Branco dono de local hostaleiro.
Durante senllas interrupcións a totalidade das bicisclásicas antigas, estiveron expostas diante dos establecementos devanditos. Moitos das persoas que se achegaron á mesma, escoitaron atentamente as explicacións que se lle daban respecto de ditas “reliquias”. A bicicleta máis antiga da exposición, correspondía a unha “Honor” do ano 1938, que a guiaba polo participante de maior idade (74 anos) e non era outro que o director do MELGA. O de menor idade correspondía a un bebe de 6 meses que era conducido polo seu pai nun pequeno remolque.
Rematado o xantar, todos os integrantes desprazáronse ao MELGA, para realizar unha visita guiada ao museo, dirixida por Ricardo Pérez e Verdes. Hai que constatar que moitos dos afeccionados ás bicis antigas, doaron ao museo diferentes pezas para a Fundación (2 trens eléctricos Payá, varios quebracabezas crebacabezas, 2 bonecas, 3 peonzas, un tirabalas, unha bicicleta, etc…) que serán prontamente catalogadas e expostas nas vitrinas do museo.
Recollido o material e cargados nos respectivos furgóns, todos poñían a vista na próxima quinta edición da Ruta de Bicicletas Clásicas de Ponteceso do próximo ano 2018, referente xa en toda Galicia, esperando que fose máis participativa, que se inscribisen máis xente de Ponteceso e que sen dúbida fose logrando un éxito superior á recentemente finalizada. Todos a buscar nos nosos “alpendres” esas bicicletas dos avós que seguen esquecidas e comecemos a restauralas para sacalas do olvido e expoñelas de novo para todos os amantes e apaixonados deste transporte terrestre. Adiante e citámonos por estas datas o ano entrante. Esperámosvos!
Leave A Comment