Despois dun ano sabático, o 2017, o Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA), foi convidado outra vez máis, a colaborar durante esta xornada de sábado do 11 de agosto, e ao mesmo tempo participar con algúns dos xogos históricos, tanto populares como tradicionais, da etapa da Idade Media datados entre os séculos X ao XIV, na parroquia de Riobó do concello de Cabana de Bergantiños.
Cun día extremadamente caloroso, desde as 17,00 h. da tarde ata ben entrada a noite (22,30 h.), todos aqueles que se achegaron a Riobó, e foi masiva a cita deste ano, italianos, suízos, franceses, pontevedreses, lucenses, canarios, madrileños, ourensáns, veciños da contorna, así como a totalidade dos residentes deste encantador pobo cabanés, divertíronse “de xeito abondo” cos preto de vinte xogos preparados para esta ocasión polo museo pontecesán.
Entre foguetes, anunciando o comezo da xornada festiva, os bailes tradicionais, os mestres artesáns e artesás, actuacións musicais, recitais poéticos, etc…os xogos medievalistas foron unha das atraccións máis participativas da xornada, tanto pola xente miúda, adultos ou persoas maiores que coñeceron e practicaron os xogos dunha época, sen dade, moi afastada.
A novidade deste ano na planificación do evento lúdico medieval foi que se introduciu dentro do programa de xogos de exterior ao aire libre (os hoyetes, o cravo, tiropalo, forza viquinga, o pipo, loita en equilibrio, a pesca, etc.), os xogos de taboleiro, creados nesa etapa, tanto da nobreza como os dos campesiños ou rurais, destacando o asalto, a cosmogonía, o alquerque a 9, tres en raia, o backgammon, o xadrez, as damas e o solitario, explicados unha e outra vez, polo director do MELGA.
Comentar que foi unha gran sorpresa e gratamente moi positiva e enriquecedora a sesión, pois entre familias xogáronse “ estes divertimentos tan famosos e típicos da época. Non deixaron de existir moitos “piques” entre os participantes, observando que nalgúns momentos do xogo, apareceron as típicas ” trampiñas” sen importancia, cuxo único fin era vencer ao contrario.
Podemos considerar acertadamente que o éxito foi rotundo. Convivencia e intercambio de culturas, xa que tanto nenos como proxenitores , compartiron os mesmos xogos en idiomas distintos, ensinos e aprendizaxe diferentes, aínda que o xogo sempre será ÚNICO, UNIVERSAL e para todas as idades.
Leave A Comment