FELICIDADES PONTECESO! O noso Gran Día de Aniversario, o MELGA e da Fundación Ricardo Pérez e Verdes, rematou aproximadamente cara ás 21,00 h., despois de case doce horas de traballo, mañá e tarde, realizando neste espazo de tempo, diferentes actividades nas instalacións do Centro Cultural, tanto no campo exterior de xogos, como na sala de conferencias, a biblioteca e nas salas expositivas do Museo Etnolúdico de Galicia.
A mañá iniciouse sobre as 10,00 h. na sala de conferencias, onde a profesora Isabel Fernández Domínguez, continuando as exposicións maxistrais do día anterior, expuxo o seu traballo sobre a accesibilidade como selo de calidade nas actividades accesible, así como a atención a persoas con necesidades especiais en lugares con interese patrimonial. Os alumnos, un a un baixaron ás salas expositivas do MELGA, onde tiveron, primeiramente que expoñer practicamente “in situ” unha visita guiada, nos termos aprendidos durante estes días, cualificando dita actuación a profesora Isabel Fernández. Para finalizar a mañá do curso, tamén todos os alumnos, tiveron que realizar unha práctica persoal con complementos para persoas con algunha disfunción, como lentes con problemas oculares, cadeiras de rodas para desprazarse, linguaxe de signos, et. Unha mañá teórico- práxica moi interesante.
Como eixo central da xornada festiva, de 11,00 h. a 13,00 h., preto de cincuenta discentes de 4º e 5º de primaria (educación infantil) con idades comprendidas entre os 9 e 10 anos, do CEIP. Eduardo Pondal de Ponteceso, que foi o centro docente convidado deste ano ás actividades programadas na semana do V Aniversario. O director do MELGA, dirixiu unha sesión práctica no campo exterior do Centro Cultural con todo o alumnado, explicándolle en primeiro lugar os xogos preparados para a práctica e a continuación desenvolver en grupos devanditos xogos e deportes tradicionais. Este ano correspondeu a exhibición a “Os xogos e deportes históricos medievais”. Non faltaron os zancos, os aros, a ra, os barrís, a tumba, o pau, tirabeque, a recollida das mazorcas, as bochas, etc. e finalmente desenvolvéronse dous pre-deportes de forma global, como foron o xogo da ponte e a soule ou antecedente do fútbol moderno. Dúas horas de xogo de competición, entre grupos de catro compoñentes, cada un deles. Unha mañá moi atractiva. Nesta ocasión tivemos a fortuna que, durante a práctica, visitounos o alcalde de Ponteceso e probou algúns dos xogos alí propostos.
A sesión da tarde, que deu comezo como de costume, ás 16,00 h. na sala de conferencias do Centro Cultural, coa profesora Cristina Collazo, que expuxo nas súas clases dúas sesións dedicadas ás tecnoloxías da Información e da Comunicación aplicadas ao turismo. Con estes relatorios sobre as 20,00 h. deuse por clausurado o curso de “Interpretación, márketing e novas tecnoloxías aplicadas ao turismo natural e cultural da costa da Morte”, dentro do programa de formación para profesionais do turismo galego que patrocina o CMAT. A entrega dos certificados de asistencia e o diploma correspondente serán entregados nunha nova sesión, aínda sen determinar, a semana entrante. O curso, segundo a valoración das enquisas realizadas, foi cualificado polos alumnos e alumnas, de excepcional. O único que se pode dicir é que non estivo á altura en canto a participación xa que non o gozasen máis cursillistas da zona pontecesana. Unha verdadeira pena.
Como broche final de xornada, na biblioteca municipal, se levou a efecto unha sesión de Contacontos, con moito público infantil, achega ao aniversario da actividade do departamento de Carlos Penedo, Patrimonio, Biblioteca, Educación e Política Lingüística do concello de Ponteceso dentro do programa ”Ler conta moito” con Paxariños do grupo infantil Trinque Trinque
Hoxe venres 28, estaremos xa no quinto día do aniversario, contaremos toda a mañá cunha trintena de nenos e nenas do CEIP. Eduardo Pondal de Ponteceso e con Manuela Vázquez Coto, profesora de educación física e especializada na confección de materiais para o xogo, cun “Taller de xogos da natureza e reciclaxe”, a realizar na Biblioteca Municipal. Lembramos que a sesión da tarde referida a “ Recordos Lúdicos” programada para as 20,00 h. trasládase para o sábado ás 11,00 h. na sala de conferencias do Centro Cultural.
Leave A Comment