O día do Peón en Ponteceso na súa VII Edición do Festipopeóns

Como cada ano, desde fai sete, ás once da mañá do día once do mes undécimo, deu comezo a sétima edición do Festipopeóns de Ponteceso. A organización do evento do Día do Peón, conmemorando a festividade de San Martiño, patrón dos “ peonceros”, estivo a cargo do MELGA, a Fundación Ricardo Pérez e Verdes e a colaboración inestimable do concello de Ponteceso.

Antes do comezo da sesión lúdico-festiva, tivemos a presenza do rexedor do concello pontecesano Lois García Carballido, para comunicarnos e desculparse da súa ausencia no acto de inauguración por motivos persoais, aínda que a función de dar a benvida a todos os participantes, delegouna no director do museo, que gustosamente accedeu ao encargo proposto. Durante o tempo que dispuxo da súa asistencia á sala de exposicións, comprobou “in situ” todo o que se había alí realizado, felicitando á organización e quedando impresionado das magníficas exposicións presentadas, tanto a de “As peonzas nas Belas Artes” colección privada de Ricardo Pérez e Verdes, como a de “ Peonzas do mundo” das coleccionistas Charo Español e Ángeles Lence e a do propio Ricardo Pérez e Verdes.

Inauguradas as exposicións cunha destacable participación de asistentes, aínda que o mal tempo non favoreceu para unha asistencia masiva, iniciouse na biblioteca municipal, os concursos de resistencia, habilidade, precisión e trucos. Cada un dos participantes, na súa maioría “novas sesentones e setentones” lanzaron as súas peonzas e trompos ao chan para saber quen era o máis habilidoso nesta arte tradicional e milenaria. Houbo tamén participación feminina (aínda que non numerosa) así como nenos e nenas do contorno, estes máis ben dedicáronse aos talleres de tuneado, pintado, confección de peonzas, recortables, etc. Noutro apartado da sala de lectura, reuníronse persoas maiores, por segunda vez, para reiniciar a sesión de “Recordos Lúdicos da nosa infancia” para recompilar os xogos tradicionais da zona de Ponteceso. Asistiron veciños de Tella, Ponteceso, Anllóns, Xornes, o Couto,..representando ás súas respectivas asociacións.

Como estaba previsto, ás 13,00 h., o historiador Luís Antonio Giadás Vázquez, profesor do IES. de Ponteceso, leu o seu Manifesto do Día do Peón, nesta sétima edición do Festipopeón, cuxo título foi “Poemas sobre o peón”. O profesor despois da lectura recibiu moitos eloxios polo seu traballo e ao mesmo tempo recoñecéuselle con fortes aplausos cando se lle fixo entrega dunha placa conmemorativa do acto e nomeóuselle membro de honra do MELGA, obsequiándolle cunha insignia do mesmo. Por parte da Fundación a todos os asistentes obsequióuselles cun “ pin melgapeonza” como recordo deste día. Como feito destacable do Manifesto lido, foi tamén unha pequena homenaxe en honra a Xabier Docampo, falecido hai uns meses, e que nos deleitou co seu Manifesto do 2016, nas nosas instalacións.

 

 

Presentouse a todos os asistentes os vídeos do Cómic do MELGA, o libro-disco do cantautor Luís Vallecillo e a canción “Coma ou trompo” do grupo galego Ourensons (Ourense) e que todos os presentes, tomaron parte activa coas súas voces no “estribillo”. Rematada a “ cantata” efectuouse a entrega de premios aos vencedores dos diferentes concursos e placas conmemorativas ás coleccionistas de peonzas pola súa achega desinteresada no préstamo efectuado.

Os vencedores individuais corresponderon a: en Precisión o campión foi Xullo Eiroa, en Habilidade Manuel Pastoriza, en Resistencia Xullo Eiroa e en Trucos Jesús Andrade. O campión Absoluto levouno de novo, por segundo ano consecutivo, Manuel Pastoriza de Tella con 39 puntos, o subcampeonato foi para Xullo Eiroa con 35 puntos, tamén de Tella e o terceiro clasificado foi para Jesús Andrade de Brantuas con 34 puntos. Finalmente a xornada finiquitó coa intención de bater o record de peonzas bailando ao mesmo tempo, pero nesta ocasión non puido ser, aínda que a cifra establecida foi de 43 peonzas e trompos danzando no chan da biblioteca municipal. A marca para bater , será o ano que vén, esperamos, que é de 68 peonzas. Posiblemente, na oitava edición, a marca será superada.

Como feito destacable temos que comentar que nos acompañou toda a mañá, participando activamente, o profesor Luís Ramas e a súa esposa, gran mestre dos peonzas, que acaba de publicar, hai escasos meses, un libro titulado “Xogos cooperativos con trompos, peonzas e perinolas. E outras actividades co xoguete que vira.”, texto que o noso director Ricardo Pérez e Verdes, tivo a honra e satisfacción de prologar.

Con sabor agridoce, clausurouse o VII Festipopeóns de Ponteceso, debido á “media entrada” de participantes e espectadores, Sempre se pide máis, pero en cambio moi satisfeitos polo gran éxito das actividades propostas, pola perfecta organización e un día lúdico-festivo de gran amizade, cordialidade e compañeirismo.

As exposicións, a petición de moitos dos asistentes alí presentes, prolongarase ata o día 30 do presente mes de novembro. Cremos que vale a pena botarlle unha “ollada” ás mesmas, seguro, que non sairán defraudados.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.