O Director do Melga representa a Galicia na Asamblea Europea de Xogos e Deportes Tradicionáis

Esta fin de semana do xoves día 29 de maio ata o domingo día 2 de xuño do presente ano 2019, o presidente da Fundación Ricardo Pérez e Verdes e director do MELGA de Ponteceso, desprazouse ao Valle de Aosta, cidade próxima a Torino ( Turín), para asistir como membro de número á XVIII Asemblea Europea de Xogos e Deportes Tradicionais ( AEJeST) nas súas convocatorias Extraordinaria e Ordinaria do presente ano 2019. Nesta ocasión Galicia tamén estivo representada por José Manuel ( Charrancas) Martínez da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional ( AGXPT) da localidade de Melide.

Na convocatoria extraordinaria tratouse a aprobación da modificación de varios puntos dos Estatutos da Asociación, ademais do Regulamento de Réxime Interno. En canto á ordinaria tratáronse moitos dos temas relacionados cos proxectos europeos e mundiais con outras institucións ( CONI, Unesco, COI, etc…), reunións mundiais do Consello de Administración, estado económico do 18 e orzamento do 19, informes das próximas asembleas do 2020 en Bretaña e a do 2021 en Croacia, presentación de novos membros, etc… Os países asistentes a  Asemblea foron Francia, Bretaña, Bélgica, Croacia, Eslovenia, España, Hungría, Portugal, Chequia e Rumanía. O país invitado nesta ocasión foi Turquía posiblemente novo membro na próxima asemblea.

Durante a Asemblea Xeral houbo tres feitos destacables: primeiramente a entrega das distincións aos membros da Asociación Europea que recaeron nas seguintes persoas e federacións rexionais. O premio colectivo concedéuselle á Asociación Intercomunal pola Promoción Deportiva e Cultural dos Birlos de Oito de Bretaña, os premios individuais foron para Francisco Álvarez Cadeas presidente da Asociación do Birlo vaqueiro de Asturias-España e István Bali membro de Tesz- Vesz Foundation de Hungría e como membro de Honra a Dino Berti presidente da Federación Italiana do xogo e Deporte Tradicional ( FIGeST) de Italia.

 

 

A segunda cuestión destacable foi a presentación da candidatura de 2021 para Ponteceso, por parte de Ricardo Pérez e Verdes para a Reunión de Inverno do Consello de Administración da Asociación Europea e por outra banda houbo dúas candidaturas máis para o ano seguinte a de José Manuel Martínez que presentou a candidatura da Asemblea Xeral para o ano 2022, do mesmo xeito que Paolo Avigo presentou para Verona (Italia) a súa candidatura. Finalmente en terceiro lugar a presentación do “Decálogo: Xogo Tradicional e perspectiva de Xénero” de Manuela Vázquez Coto e Cristina Villar, que por motivos de tempo dispoñible na mesma pospúxose para a próxima edición XIX do 2020 para a súa definitiva aprobación. Só esperemos que os nosos políticos e as institucións que representan, apoien estas iniciativas privadas polo ben do xogo e o deporte tradicional galego para que estea presente e sexa o noso patrimonio cultural e lúdico coñecido en todos os ámbitos mundiais.

Durante a Asemblea Xeral desenvolveuse paralelamente á mesma, dous espectáculos masivos no pobo de Pollein ( Val de Aosta), como foi a promoción dos catro xogos-deportes da rexión norteña de Aosta ( palet, tsan, fiolet e rebatta) que con máis de 1.000 nenos e nenas unidos pola devandita paixón, practicando os mesmos e a Final Senior do Campionato Rexional de Tsan realizada nas inmensas praderías do pobo anteriormente dito con máis de 15.000 espectadores entusiastas gozando do seu ancestral espectáculo.

Hai que facer un punto e á parte do exitoso das xornadas, á gran organización desenvolta pola FIGeST italiana, aos seus instrutores, centros escolares, os seus mestres, asociados e voluntarios que engrandecieron aínda máis se cabe este espectáculo que é digno de ver e coñecer. Parabén aos anfitrións amigos Fabricio Vierin e Guido van Alsenoy representantes do deporte valdosano, que planificaron todas as xornadas admirablemente.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.