O xoves pasado día 24 do presente mes de outubro, o Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA), foi convidado, pola Fundación Eduardo Pondal, a participar na parroquia do Couto do concello de Ponteceso, dentro dunha ampla variedade de actividades programadas na “Xornada: “Que din vos rumorosos?”, con xogos tradicionais galegos de madeira, xa que este ano a temática correspondía ao “ Foro Madeira, Vía de Progreso”.
Preto de douscentos nenos e nenas dos centros escolares seleccionados este ano, que contaban con idades desde os 3 aos 11 anos de idade, pertencían ás escolas de Malpica de Bergantiños, Baña, Santa Comba, Coristanco, Cabana de Bergantiños e Ponteceso, conxuntamente todos eles acompañados das súas profesoras e profesores titores/ as dos grupos seleccionados.
Debido ás inclemencias meteorolóxicas, a sesión práctica que debería impartirse no campo exterior da Fundación Pondal, a organización tivo a ben habilitar unha das salas da mesma, para realizar os diferentes xogos tradicionais, confeccionados de madeira, cunha sesión práctica no recinto baixo cuberto.
Cada media hora, durante toda a mañá, de 10,00 a 14,00 h., todos os nenos e nenas dos centros docentes, realizaron as súas prácticas nos xogos debidamente seleccionados para as súas idades correspondentes. Os mestres e mestras non dubidaron tamén en participar con todos os seus alumnos nesta sesión lúdica, practicando algúns dos xogos alí expostos. Debemos destacar que durante toda a mañá, acompañounos na sesión lúdica, María Teresa Chouciño Calvete a nova concelleira delegada de Educación, Formación, Biblioteca e Patrimonio.
Unha xornada intensa, moi recreativa e festiva, xa que se celebraba ao mesmo tempo un “magosto” e moitos dos nenos/ as e algún que outro profesor/para viñan disfrazados de época para tal ocasión. Fusión perfecta para unha divertida sesión lúdica-cultural-gastronómica.
Leave A Comment