Coa sala de butacas do Teatro As Torres de Santa Cruz (Oleiros) abarrotada, este venres pasado 28 de maio, gardando estritamente as medidas obrigadas pola pandemia, a escritora granadina Cecilia Monllor presentou o seu último libro titulado “Nunca te fagas libreiro”.
Cecilia Monllor-Martínez Sánchez, é licenciada en ciencias da Información pola universidade de Navarra, ademais de editora, libreira, xornalista, coach, asesora de comunicación e actualmente directora de varios Clubs de Lectura de Oleiros e da Coruña. Entre as súas creacións literarias destacan: “Múdome de sistema! Como pasar da resignación á acción”; “ Zapápolis: a historia secreta dun imperio da moda” ; “A aventura de escribir”; “A orquestra do fin do mundo” e “Experiencias de animación á lectura”. Desde o 2013 é a secretaria da Fundación Ricardo Pérez e Verdes e benefactora do Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA).
O acto comezou cun pouco de atraso (o comezo estaba previsto para as 20,00 h.), debido á masiva afluencia de público e con gran pesar, algunhas persoas tiveron que abandonar o salón, pois se completou o aforo permitido en breves momentos. Situadas todas persoas nos seus lugares correspondentes, deu comezo a sesión cultural María Luz Corral Uzal responsable de Bibliotecas do concello de Oleiros (A Coruña), que fixo de introductora do acto dando a benvida á autora, á presentadora e ao público en xeral.
A bibliotecaria cedeu a palabra á presentadora do acto á dramaturga Lola Roel, vicepresidenta da Fundación e do MELGA, íntima amiga da protagonista e colegas de profesión, que nun brillante percorrido pola obra de Cecilia Monllor, reflexionou en ton irónico e divertido, anécdotas persoais, ao redor da lectura, aos libros, as librerías e aos libreiros, da cal maxistralmente Cecilia trata nesta última obra.
Finalmente tomou a palabra a protagonista, que moi emocionada, agradeceu a todas as persoas presentes e institucións públicas, a súa asistencia e interese polo acto e pechou o mesmo cun sucinto relato “ destripando” a creación da súa obra, apartados da mesma, o título, etc. de “Nunca te fagas libreiro” con ese gracejo que teñen os andaluces.
O acto clausurouse coa firma de numerosos exemplares no propio escenario do Teatro, onde Cecilia, compartiu cos seus amigos e admiradores un día moi especial e sen dúbida, feliz. Parabén e moitas felicitacións Cecilia!
Leave A Comment