Onte xoves día 11 do 11 (novembro) ás 11 da mañá, día de San Martiño e como di o refraneiro popular “Polo San Martín buxainas ao camiño”, esta data escollida, non de forma casual, polo Consello da Cultura Galega e o Observatorio do Patrimonio Lúdico Gallego, tivo lugar a presentación en sociedade, na Biblioteca da institución, dun proxecto interactivo que se concreta nun espazo web e unha aplicación para dispositivos móbiles, dispoñible gratuitamente para Android e Apple, así como desde o sitio web xogostradicionais. concellocultura.gal, que contén a información de medio centenar de xogos tradicionais galegos e que posteriormente se irá actualizando ano a ano.
No acto participaron a presidenta da entidade Rosario Álvarez, o coordinador técnico, Manuel Gago, o representante do Patrimonio Lúdico Gallego Paco Veiga e como presidente de Brinquedia José Manuel Barreiro para falar do “Día do Peón”. Todos os participantes coincidiron en que o proxecto busca revitalizar o uso destes xogos para que volvan formar parte do día a día da sociedade, deixen de ser algo do pasado e desempeñen un papel protagonista no presente e o futuro dos galegos.
A licenciada en Belas Artes Nuria Díaz foi a encargada de ilustrar todos os textos, caracterizados pola súa sinxeleza e colorido, que se move entre o tradicional e o dixital e que serven para explicar os xogos e que se adecuen aos nenos galegos do século XXI. A posta en imaxes a través de pequenos vídeos, correu a cargo do licenciado en Educación Física Antonio Ferrer.
Por parte do Observatorio do Patrimonio Lúdico Gallego estiveron presentes no pioneiro acontecemento, a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional ( AGXPT) de Melide, a Asociación de xogadores/ as da Chave de Santiago de Compostela, a Rede Galega do Xogo Tradicional ( Brinquedia) de Ourense, A Fundación Ricardo Pérez e Verdes e o Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA) de Ponteceso, o Museo Esquina dos entretementos de Vilanova de Lourenzá, a investigadora da Universidade da Coruña Manuela Vázquez e Antonio Ferrer do CEP Campolongo de Pontevedra.
Como broche final dunha xornada memorable e histórica, a mesma foi clausurada polo lanzamento do peón mais pequeno do mundo, das habilidosas mans de Manolo Charrancas de Melide, dando así comezo á festa das buxainas e buxainas da tempada lúdica do outono-inverno de Galicia, con motivo do santo patrón.
Leave A Comment