Máis de medio centenar de xogadores de toda Galicia déronse cita este domingo día 22 de maio no campo de xogos do Centro Cultural de Ponteceso, onde se atopa situado o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), para dilucidade un ano máis (e van dez) quen sería os campións do X Aberto de Billa de Ponteceso e ao mesmo tempo, finalizar con esta última xornada os vencedores da liga Atlántica da Confederación Noroeste. Como anos anteriores a organización correu a cargo da Fundación Ricardo Pérez y Verdes, o MELGA e a Confederación Noroeste da liga Atlántica de Billarda.
Aínda que o terreo de xogo atopábase nunhas condicións magníficas, só faltábanos as climatolóxicas, pois a choiva aveciñaba con estragar a xornada billardeira. De todos os xeitos, en previsión, o alcalde pontecesán Lois Carballido autorizara, por se chovía, poder rematar a sesión no polideportivo cuberto municipal da Trabe. Por sorte, non tivemos necesidade de usar a devandita instalación, xa que a choiva respectou a mañá para lograr un exitoso concurso de Billa, tanto de público como de participantes.
Antes de dar comezo o Aberto, reunidos todos os compoñentes dos diferentes equipos, fíxéronse unhas pequenas homenaxes. Primeiramente fíxoselle a Ricardo Pérez e Verdes director do MELGA, por chegar á organización de dez competicións de billarda, ao cal todos os alí presentes fixeron que o noso director fixese o saque de honra cun lanzamento da billa cun palán. A segunda homenaxe fíxoselle a un “vello billardeiro», Xosé Gándara, que foi obsequiado cun cadro por cumprir neste torneo de Ponteceso, nada máis nin nada menos, que 100 competicións consecutivas dende o inicio destas xornadas lúdico-deportivas. Moi merecido! Despois destes prolegómenos deu comezo, ás 11:00 da mañá, o concurso rematando o mesmo máis alá das 15:00 h..
Os campións foron os seguintes: Na categoría absoluta masculina o gañador foi para o campeonísimo (vencedor xa na anterior edición) Xosé Collazo de Campo dá Feira de Paiosaco, o subcampión foi para Xan Rodete de Lua de Forza de Sansenxo e o terceiro clasificado para David Fernández de Cochiqueiros de Cerceda. Na rama feminina absoluta a vencedora absoluta foi Merche Castro de A. P. B. da Laracha, a subcampioa para Marisa Casas de Lua de Forza de Sansenxo e a terceira clasificada foi para Sonia García de Cochiqueiros de Cerceda. Na rama infantil a clasificación foi: campión Lucas de Campo dá Feira de Paiosaco, subcampión Abel tamén de Campo dá Feira e o terceiro clasificado foi para Kevin do club A. P. B. da Laracha. O Gañador final por equipos foi para o equipo de Campo dá Feira de Paiosaco.
O presidente e director da Fundación Ricardo Pérez e Verdes e o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) respectivamente fixo entrega dos senllos trofeos a todos os merecedores de tal galardón, e como recordo deste día, tamén a todos os participantes entregóuselles como recordo, un pin cuxa figura era un xogador de billa co noso logotipo museístico. Ademáis, para o grupo infantil, recibiron a maiores como regalo un libro e un xogo tradicional, como é o «tres en raia» de cristal. Como broche final, a todos os participantes ofrecéuselles uns petiscos, acompañados duns refrescos e sidrina caseira para repoñer forzas despois de gran esforzo realizado na competición.
As anécdotas curiosas desta magnífica xornada de Billa realizada no día de onte no concello de Ponteceso foron as seguintes: Aínda que cos seus problemas de saúde, asistiu como espectador o «billardeiro de honra» Jesús Andrade que ao pé do canón estivo a totalidade da mañá observando as evolucións do xogo dos seus compañeiros. O único representante de Ponteceso no concurso estivo nas mans de Manuel Pastoriza de Tella, que chegou ata as semifinais, un gran evento o disputado, sen adestrar. Tamén estivo dalgúns momentos do espectáculo billardeiro o noso alcalde Lois Carballido compartindo con algúns dos xogadores os lances do xogo, ademais de darlles a todos a benvida á nosa terra pontecesá. E finalmente, unha grata sorpresa. Durante o evento, tivemos uns acompañantes (turistas-peregrinos) especiais, pois Lisa e Bruce, cidadáns americanos do estado de Oregón (EEUU) que, percorrendo a Costa da Morte, recalaron en Ponteceso e atopáronse sorpresivamente, cun museo do xogos e deporte tradicional e para maior asombro un campionato do noso ancestral xogo/deporte da Billa onde, fóra de concurso, realizaron uns lances ensinados por varios palanadores do campionato. Estaban encantados do tratamento recibido e de coñecer un xogo, para eles, moi parecido ao seu deporte Nacional o béisbol.
Outro ano máis podemos dicir que todos os palanes e as billas golpeadas brillaron a unha gran altura do ceo de Ponteceso. Por suposto xa iniciamos os trámites necesarios para organizar a do ano que vén, que sen dúbida será moi especial xa que cumpriremos DEZ anos do nacemento das nosas institucións.
Leave A Comment