Co lema “Libros para xogar”, este venres día 21 de abril-23, no Palacio da Cultura e o Recinto Feiral de Pontevedra, inaugurouse o XXIV Edición do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, que levará a cabo durante os próximos 17 días, desde o 21 de abril ao 7 de maio. As persoas homenaxeadas este ano polo seu labor divulgativo en canto á temática específica do libro infantil e xuvenil, serán o escritor, profesor e activista cultural pontevedrés Manuel Lourenzo e a ilustradora e cartelista zamorana (galega de adopción) Maife Quesada. Nesta nova edición o país convidado será Colombia e como mascota do salón seguirá sendo o admirado e querido por todos os nenos e nenas o lobo Orbil.
Como estaba previsto no programa do Salón do Libro, ás 18,30 h. da tarde no magnífico e amplísimo Auditorio do Palacio da Cultura de Pontevedra, con máis de 700 persoas no patio de butacas que enchían o recinto, tomou a palabra a concelleira de Cultura, Carme Fouces, como coordinadora do evento, para presentar a nova edición e dar a benvida ao numeroso público asistente ao acto. A continuación, Carme Fouce, cedeu a palabra ao alcalde de Pontevedra Miguel Ángel Fernández Lores, cuxo discurso versou sobre o que significa o xogo e a lectura como ferramentas para o desenvolvemento das persoas, a historia do salón pontevedrés nestas vinte e catro edicións e finalmente deu por Inaugurado a XXIV Edición do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil da cidade de Pontevedra.
Seguidamente, despois das presentacións oficiais, iniciouse un gran espectáculo de música, teatro, coral, danza, contacontos e poesía. Hai que resaltar que todos os participantes no mesmo eran mozos de diferentes agrupacións. O acto foi guiado polo grupo Aldaolado e o lobo Orbil, coa banda de música Chouque Big Band, o numeroso coro da Xunqueira, co grupo da Escola de Danza Galicia e os actores colombianos de Carolina Rueda en contacontos e Diego Alejandro Ruíz en poesía infantil. As actuacións presentadas foron moi brillantes, onde tanto nenos como persoas adultas gozaron enormemente das mesmas.
Logo da inauguración abríronse as portas do Salón do Libro (a enorme Sala de Exposicións e a xigantesca nave do Recinto Feiral), para recibir a todos os asistentes cunha visita libre polos diversos espazos dedicados aos talleres, salóns de lectura, bebetecas, exposicións diversas, salas de xogos, o labirintos, sala de contacontos, sala de lectura e xogos colombianos, sala da casa de bonecas, sala da casa do dragón, etc.
Nunha á da Sala de Exposicións, atopábanse os dous espazos dedicados aos homenaxeados Manuel Lourenzo e Maife Quesada, que expoñían a súa obra artística cos seus textos, libros, gravados, esculturas,… é dicir, o seu traballo creador. Lindeiro a estes, atopábase o local de Colombia, país invitado, expoñendo os numerosos textos editados nesta terra sobre libros infantís e xuvenís e os xogos máis representativos de Colombia.
O cuarto espazo estaba representado polo concello de Ponteceso, que a través do Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) e a Fundación Ricardo Pérez e Verdes, entidades convidadas pola organización do evento, polo consistorio pontevedrés e representando ao Observatorio do Patromino Lúdico de Galicia, tívose a ocasión o mostrar a nosa modesta obra patrimonial museística, cunha importante exposición de xogos e deportes tradicionais de Galicia e do mundo. Non faltaron vitrinas con coleccións de xogos de taboleiro antigos históricos, xogos de enxeño ou crebacabezas, bonecas de xestos, coches en miniaturas, as buxainas, trompos, perinolas e perindolas, os xoguetes de folladelata, os baleros ou embocabolas, as bicicletas clásicas e os carros, carretas e carrilanas galegas.
Como dato importante da xornada e deste momento puntual, o alcalde de Pontevedra Miguel Ángel Fernández Lores, a súa concelleira de Cultura Carme Fouce, así como membros do pleno municipal e autoridades da cidade, desexaron pararse na nosa caseta para escoitar con moita atención as explicacións do noso presidente-director Ricardo Pérez e Verdes, sobre todo, no apartado dos xogos de taboleiro antigos, que por suposto lles eran moi descoñecidos e que lles impresionaban gratamente. Persoalmente agradecemos a deferencia que tiveron coas nosas entidades, e ao mesmo tempo, aproveitamos para realizar unha invitación oficiosa, para que cando o dispoñan puidesen visitar Ponteceso e o noso pequeno museo. A oferta oficial queda pendente de cita.
A organización do Salón, como tamén a colonia colombiana en Pontevedra, solicitaron a Ricardo Pérez (bo coñecedor deste país, ao ser seleccionar Nacional de Colombia durante uns anos), que se podería realizar unha selección daqueles xogos máis representativos da cultura colombiana, o cal a disposición e pracer foi de inmediato. Levou a cabo unha selección de xogos étnicos e indíxenas dos pobos Muisca, Wayuú, Inga, Pasto,Tucano,… destacando entre eles os xogos seguintes: o Cucunuvá, os Hayuelos, a Grima, o Choochó, o Moma, o Yermis, o Lazo, o Bote, o Balín, a Coca, etc. e por suposto, non podía faltar o único Deporte Nacional de Colombia, o Turmequé ou Texo. Ricardo, na conversación mantida con algúns membros da comitiva colombiana, insinuáronlle que moitos dos xogos dos alí presentados, éranlles descoñecidos, por tanto, tal foi o seu interese en coñecelos, que tivo que explicarllos para o seu coñecemento e a súa posible difusión.
Só quédannos dezaseis días para gozar dunha chea, case trecientas, de actividades pensadas para bebés, nenos, nenas e familias, centros escolares, agrupacións etc., todos os días desde as 11,00 h ás 20,00 h. ininterrompidamente. A maioría das actividades son de acceso libre, pero nalgunhas necesítase inscrición e abono dunha cantidade simbólica, con prazas limitadas ata completar o aforo do espazo.
Xa sabedes, no Palacio da Cultura e Recinto Feiral de Pontevedra, do 21 de abril ao 7 de maio, esperámosvos a todos no XXIV Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil co lema: “Libros para Xogar”.
E o día 1 de maio, no exterior do Palacio da Cultura de Pontevedra, levará a cabo un gran Festival de Xogos e Deportes Tradicionais de Galicia e o mundo, a cargo do Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), a Fundación RPyV e o concello de Ponteceso, como complemento á exposición presentada polas nosas entidades bergantiñás, no Salón Internacional do Libro. Alí atoparémonos!
Leave A Comment