O MELGA en Melide celebrando o vixésimo aniversario da AGXPT

Este sábado, día 16 do presente mes, o noso presidente da Fundación, Ricardo Pérez e Verdes, e director do Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), foi convidado pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, cuxa sede se atopa no concello de Melide (A Coruña), para conmemorar un fito moi importante para o noso campo lúdico e inmaterial: o seu vixésimo (XX) Aniversario da súa fundación, alá no 2003, dez anos antes das nosas entidades.

Con diversas actividades durante esta última semana, o broche de ouro tivo lugar esta fin de semana. Despois dunha xornada matinal de práctica e talleres de xogos tradicionais na praza do Convento, organizados polo Museo do Recuncho das Argalladas de Lourenzá (Lugo), os Amigos da Chave de Santiago de Compostela, Xotramu de Muimenta (Lugo) e a propia Asociación Galega de Xogos Populares e Tradicionais de Melide. Os talleres estiveron a cargo de Antón Cortizas, Manuel García e Pepe López.

Finalizada a sesión práctica na praza, todos os participantes desprazáronse ao Museo das Terras de Melide (Museo da Terra), ao marco incomparable dun edificio que foi o antigo Hospital de Peregrinos, Sancti Spiritus, creado por Fernán López e Aldara González en 1375 (século XIV). Os moitos asistentes ao acto situáronse na planta baixa do museo e deuse por inaugurada unha “Exposición: XX anos de xogos e deportes galegos”, con pezas e imaxes cuxa propiedade é da asociación melidense. Como era de esperar, antes do inicio da inauguración, fixo unha pequena introdución ao acto a radiofónica e xornalista María Torre de Radio Melide e foi pasando a palabra, en primeiro lugar, ao presidente da AGXPT, Xan Méndez, seguiulle Cristina Vázquez, guía do Museo Terra de Melide, a continuación Ricardo Pérez e Verdes como portavoz do Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego e, finalmente, José Manuel Pérez Pernas, alcalde de Melide, que deu a apertura á exposición e á xornada. Pechou o acto o poeta melidense Antóm Laia, que leu unha creación da súa pluma, expresamente para o acto, sobre os xogos e deportes tradicionais en Galicia.

A continuación, todos os invitados ao acto desprazáronse a un restaurante local, onde a AGXPT, a anfitrioa da xornada, ofreceu un opíparo xantar de confraternidade. Nas sobremesas, varias das entidades presentes obsequiaron á asociación con senlleiros agasallos en conmemoración ao seu XX Aniversario. Seguidamente, da man do guía cultural oficial da vila, Xurxo Broz, realizouse unha visita guiada para todos os participantes, sobre todos os importantes monumentos arquitectónicos de Melide: igrexa de Santa María, o cruceiro máis antigo de Galicia, igrexa de San Roque, etc.

Sobre as 18:00 h, o grupo desprazouse ao salón de conferencias da Biblioteca Pública Municipal de Melide-José Vázquez Pintor e alí realizouse unha mesa redonda cos participantes das agrupacións do Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, moderados pola xornalista María Torre. A mesa conformábana as seguintes persoas: Paco Veiga pola AGXPT de Melide, Kiko Loureiro da Asociación da Chave de Santiago de Compostela; Antón Cortizas, escritor e investigador de Ferrol; Apolinar Semente, investigador da Universidade de Navarra; José Barreiro, presidente de Brinquedia; Pepe López, mestre e investigador de Tuy; Kiko Darriba de Xotramu de Muimenta (Lugo); Ricardo Pérez e Verdes do Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) de Ponteceso (A Coruña) e Nito Ferrer, profesor do CEIP Campolongo de Pontevedra. Nas case dúas horas de conversa, todos os presentes falaban en dous bloques sobre o presente e o futuro dos Xogos e Deportes Tradicionais en Galicia, achegando importantes suxestións para a mellora do noso labor. Como final de festa, Celso Fernández, narrador oral da cultura galega, deleitounos cunha visión moi particular dos xogos da súa aldea e das súas propias experiencias.

Finalizada a mesa redonda, o noso presidente e director, Ricardo Pérez e Verdes, fixo entrega ao presidente da Asociación Galega de Xogos Populares e Tradicionais de Melide cun pequeno obsequio en recordo aos seus vinte anos de ser referente, faro e luz do noso campo de estudo e investigación.

Felicidades e parabéns por este cumpleanos!

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.