O grupo docente que pecha este ano 2023 das nosas visitas guiadas ao Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) corresponde á súa primeira ocasión en visitarnos e procede do famoso barrio coruñés de Monte Alto, o CIFP Ánxel Casal. Os compoñentes do mesmo eran alumnos de Formación Profesional do Ciclo Superior de Animación Sociocultural e Turística, con idades comprendidas entre os 19 e os 22 anos de idade. Todos eles viñan acompañados das súas profesoras EMMA TEIXEIRA, UXÍA SOTO e CECILIA BERMÚDEZ, que exercía o cargo de responsable da actividade e do centro escolar.
A xornada matinal deu comezo ás 10,30 h. e finalizou aproximadamente ás 13,30 h. As tres horas de percorrido polas salas expositivas do museo desenvolvéronse amplamente, ao ser un grupo reducido tanto teoricamente como practicamente o alí planificado para a visita guiada. Tanto profesoras como alumnos e alumnas do centro docente estaban “alucinados”, primeiramente polo magnífico museo e en segundo lugar polo que aprenderan na sesión para a súa futura profesión. Comentaban ao final da sesión que fora un acerto e un broche de ouro, que as profesoras lles agasallaran como excursión de final de cuadrimestre. Non pararon de xogar, preguntar e competir. Curiosamente, o grupo compoñíase de 19 alumnas e un só alumno e a súa procedencia era Badaxoz (Estremadura). Un gran ambiente e interese na visita guiada.
Como reza o encabezado da información, este día será o último colectivo docente do presente ano 2023 e que pecha a tempada en canto a visitas guiadas do MELGA se refire.
Só desexamos que o próximo ano sexa tan frutífero como o recentemente finalizado, aínda que o balance realizarémolo no próximo mes de xaneiro, que esperamos sexa posiblemente espectacular e seguramente sorpresivo, aínda sabendo as dificultades que tivemos durante estes últimos meses.
FELICES FESTAS DO NADAL E UN ANO 2024 MOI LÚDICO!!!
VIVIR EN GALEGO!!! XOGAR EN GALEGO!!!
Leave A Comment