A sesión museística de hoxe xoves foi en todos os sentidos un cúmulo de circunstancias que merece a pena sinalar, xa que tiñamos reservada unha visita do IES Rego de Trabe de Culleredo (A Coruña), pero por circunstancias de última hora, non se puideron desprazar a Ponteceso para visitar o MELGA e a Cabana de Bergantiños para coñecer o Dolmen de Dombate, na devandita excursión de final de curso. Ao contar o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) cunha lista de espera de grupos para asistir ao mesmo, o primeiro da lista correspondíalle ao Albergue Alalá Terra e Sons SL de Cabana de Bergantiños, onde se lle comunicaron as circunstancias e aceptaron a visita guiada, pero neste caso, en lugar de facer a mesma en xornada matinal, por planificación do día, tería que ser vespertina, de 16:00 h ás 19:00 h.
Visitáronnos unha media centena de alumnos e alumnas de quinto e sexto de primaria, cuxas idades correspondían entre os 10 e 11 anos. O centro que nos visitou era o CPR San José de Pontedeume (A Coruña), que se atopaban pasando unhas semanas de estancia no albergue durante estes últimos días do mes de xuño, como final de curso. Viñan acompañados dos seus profesores María Montero, Mónica Díaz e Luís A. Sousa, que exercía de coordinador da actividade e representante do centro docente.
Era a súa primeira ocasión en visitar o noso museo, tanto alumnos como profesores. Cunha franxa horaria de menos de dúas curtas horas para o percorrido polas salas expositivas, todos os visitantes atopábanse “pasmados” co museo pontecesán, non deixando pasar a ocasión para aprender e xogar. No libro de visitas deixaron as seguintes expresións: “¡Súper divertido! ¡Guay! ¡Magnífico!”. Aínda que a xornada matinal fora dura, con actividades náuticas, o museo ofrecíalles unha sesión para relaxarse e recrearse. Un grupo extraordinario en interese en coñecementos, disciplina e orde nas prácticas dos xogos planificados.
Como anécdota, coméntanos Ricardo Pérez y Verdes que desexa manifestar que tivo unha pequena insatisfacción no día de onte coa visita guiada, debido á demanda dunha nena visitante, de nacionalidade ucraína, que preguntou ao noso director se tiña no museo algún xogo ou xoguete da súa terra… Sentíndoo enormemente, nos fondos da Fundación non temos ningunha peza deste querido país, aínda que se lle comunicou que de inmediato a dirección do Padroado tentaría solucionar e xestionar o problema, para satisfacer as demandas dos nosos moitos visitantes. Hai que dicilo: Todos un pouco decepcionados!
Outro ano máis, hai que agradecer á directora do Albergue Alalá, Mary Luz Imia, por ser a mellor divulgadora da nosa instalación museística, xa que, como sempre, ano tras ano, unha, dúas e tres veces na estación estival, convida a todos os alberguistas a que coñezan as instalacións do Centro Cultural Municipal de Ponteceso, onde se atopa situado o MELGA.
Leave A Comment