Onte pola mañá, mércores día 19 de xuño de 2024, desde as 10:30 h ata as 14:30 h, unha vintena de alumnos e alumnas de 4º de primaria de 9 e 10 anos de idade, do CPI Bembibre-Val do Dubra (A Coruña), viaxaron ata Ponteceso para levar a cabo a segunda visita guiada ao Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA). A última vez que nos visitaron foi en xuño de 2018, seis anos atrás, e viñan acompañados das súas dúas profesoras titoras, Beatriz Estévez e Águeda Regos, que exercía de xefa de expedición do grupo.
Despois de case catro horas de percorrido polas salas do museo, tanto alumnos como profesoras marcháronse contentos e moi felices por dispoñer de moito tempo para coñecer en profundidade o MELGA. Nesta ocasión, a satisfacción foi ao completo por parte de todos. Como curiosidade, temos que resaltar que estiveron tan pendentes de todo o que se realizaba e practicaba que se esqueceron ata de “merendar” (tentempié) entre unha sala e outra, como sempre adoitamos facer, cun breve descanso para coller forzas na xornada matinal. Outra das novidades da sesión lúdica foi que o condutor do autobús, José, acompañou estoicamente como un máis da visita organizada e, segundo os seus comentarios, parecéralle extraordinariamente espectacular. Por iso, non se quería perder nada da mesma e pensaba que os seus futuros grupos de usuarios serían informados deste magnífico recinto recomendado e indispensable na Costa da Morte para visitalo. Xa temos outro novo embaixador do noso pequeno museo!
Ao non contar, como estaba previsto, cun grupo de 3º de primaria por problemas estruturais de última hora, soamente tivemos a presenza dun reducido número de alumnos de 4º de primaria. Estamos seguros de que, sen dubidalo, este é o número ideal (20) de visitantes nestas idades, para que TODOS puidesen participar intensamente e adecuadamente nos xogos planificados para a sesión lúdica.
Aínda que o tentaron, non lograron facer marcas destacables nos xogos, pero co seu entusiasmo e paixón, repetían e repetían os mesmos para chegar a lograr o éxito final, sen conseguilo. Un grupo moi competitivo e disciplinado. A campioa da xornada museística recaeu na nena de 10 anos Hadriana Rei, que levou os agasallos establecidos pola dirección do museo, consistentes en diversos xogos tradicionais, para que dean inicio a futuros coleccionistas.
Hai que destacar que o grupo que recibimos onte, tanto alumnos como profesoras, foi un dos mellores que pasaron polo centro museístico, pola súa atención, respecto, interese, participación, colaboración, etc. Sinceramente, “chapeau”, pois con nenos destas idades e preto de catro horas de percorrido, sen descanso e solicitando se podían quedar pola tarde, é digno de admiración. Posiblemente, se non tivesen reservada a súa visita pola tarde ao Dolmen de Dombate en Cabana, decidisen quedar para outra sesión vespertina. Parabéns, valentes!
Leave A Comment