Este último sábado 29 do presente mes de xuño deste ano 2024, tivemos a ocasión de recibir no Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) a un grupo de corenta persoas maiores, cuxas idades se atopaban entre os 65 e “case” os 100 anos de idade e que pertencían á Cruz Vermella da Coruña. Todos eles viñan acompañados de seis voluntarios Nely Pérez, Fidel Domingo, Luisa López, Pilar Regueiro, Juan Carlos Tejada, Ángeles Burgos e ao mando da expedición e promotora da actividade atopábase María Pombal que era a responsable do grupo e ao mesmo tempo a Coordinadora da área Perronas Maiores da devandita institución.
A sesión lúdico-cultural estaba programada de 11:00 h. a 13:00 h. Con puntualidade extrema, a xornada deu inicio no exterior do Centro Cultural, onde está situado o MELGA, recibindo ao grupo o director-guía do mesmo Ricardo Pérez e Verdes, explicándolles a todos os asistentes que o museo non comeza no interior das salas senón no exterior, cunha exposición ao aire libre, dos once murais de azulexos premiados nun concurso escolar sobre os xogos tradicionais galegos, grazas ao noso amigo e director da empresa Subministracións LAR Gonzalo Rodríguez e a súa filla Tatiana, que os achegaron á nosa Fundación RPyV (21 xullo/21), para a súa visualización de todas aquelas persoas que nos visitan. Quedaron marabillados do traballo dos alumnos de diferentes centros escolares e ao mesmo tempo da conexión e colaboración entre a nosa Fundación e a Fundación Obra Socio-Cultural Subministracións LAR de Cee (A Coruña).
Xa no interior do recinto, a visita continuou coa visualización dos dous pequenos vídeos que temos para todos os asistentes que nos visitan, como presentación, un correspondente ao “Himno do MELGA”, realizado polo cantautor #Luis Vadecillo titulado “Cantamos: xogos populares” e o segundo titulado “Cómic MELGA”, que é unha visita virtual das salas expositivas do noso centro museístico.
Introducidos nas salas do museo e habilitados, adxudicóuselles unha cadeira para todos os visitantes, que a precisaban e deuse continuidade á visita pola sala primeira, onde en profundidade trataron o mundo dos xogos e deportes tradicionais galegos, de España e do mundo. Esta primeira sala, profundouse na mesma moitísimo, xa que os presentes non deixaban de preguntar e expoñer os seus puntos de vista, pero sobre todo, o gran recordo que lles chegaba da súa tenra infancia. Moita emoción compartida! Pódese dicir, que nesta sala case se esgotou o tempo que dispoñían para a totalidade da visita guiada. De todos os xeitos, coa benevolencia da coordinadora e o permiso correspondente dos asistentes, a segunda sala tívose que prolongar media hora máis polo interese de todos os alí presentes. En total foron case de dúas horas e media que durou a mesma e hai que destacar que os “mozos” aguantaron estoicamente e algún desexaba un pouco máis, pero non era posible xa que a reserva do restaurante, para xantar, apremáballes.
Un grupo marabilloso, cun espírito envexable, participativo, ata competitivo, que non deixaron de recrearse nunha actividade, sen dúbida perdida, prol que se retomou nunha xornada como a de onte espléndida de recordos, emocións e sentimentos. Pola nosa banda, foi unha sesión moi gratificante vendo como ditas persoas gozaban dunha excepcional velada. Xa que así foi, como ao finalizar a visita guiada, a maioría dos voluntarios, coordinadora e moitas persoas, agradeceron ao noso director, o día tan especial desenvolvido, seguros que volverían de novo e se podían con moito máis tempo, para saborear o que alí se atopaba exposto e non puideran admirar.
Como curiosidade da visita guiada, informamos que batemos o record da persoa de maior idade que tivemos desde a nosa inauguración, pois JESUSA da parroquia de Anllóns, conseguía no ano 2014 a marca oficial de 94 anos de idade e o home de maior idade MANUEL de Vimianzo con 87 anos. Onte por partida dobre, JESÚS, superando a ambos, dentro dun par de meses (setiembre), cumprirá nada menos que 99 anos de idade. Hai que comentar que estivo constantemente participando dos xogos tradicionais adaptados e non se perdeu nada do alí transmitido. Como di o slogan da actividade realizada pola Cruz Vermella, moi acertadamente: “SER MAIORES É O MÁIS” e con este grupo recibido onte, axústase amplamente á súa lema. Unha día para lembrar por todas as partes! Felicitacións para todos!
Leave A Comment