Coa celebración do día de “San Martiño, peóns ao camiño”, por expresa invitación do seu director José Ramón Gayoso, o director do Melga Ricardo Pérez y Verdes foi convidado o programa “LUAR” da Televisión de Galicia para conmemorar na noite do venres, xa que o luns día 11 de novembro é o patrón de todos os “peonceiros”.
Tamén a este programa foi convidado Alfonso Franco, un artesán das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) compoñente da Asociación Amigos da Madeira que presencialmente, confeccionou durante o programa no seu torno un excelente peón da escasísima e valiosa madeira de buxo. Espectacular!
Para ambientar a sala de gravación, tanto Alfonso como o noso director, achegaron cadansúas coleccións das diferentes variedades de buxainas, buxainas, perinolas e perindolas. Por parte do pontés mostrou o excelente traballo artesanal que Galicia achega ao devandito artefacto giroscópico. Por parte do MELGA, fíxose unha selección das pezas do mundo, que se atopan das vitrinas expositivas do museo, deste elemento tan máxico.
Como dato anecdótico, o propio presentador Gayoso, aínda que con pouco acerto, verificou algúns lanzamentos, aínda que todos foron errados. Prometeu que de inmediato comezaría os seus adestramentos para o ano entrante. Nesta ocasión a estrela da gala foi o grupo musical madrileño “Camela” creadores dun estilo chamado tecno-rumba.
Despois de ofrecernos varias cancións do seu repertorio, como broche final do programa, Ricardo Pérez e Gayoso, retaron ao cantante Dioni, para comprobar quen era o vencedor en dar o maior número de voltas-xiros, como vira a buxaina, entre a lanzada polo director do museo e o cantautor. A analoxía consistía en dar voltas, xa que o cantante dentro das súas actuacións sempre realiza numerosos xiros no escenario.
A buxaina confeccionada por Alfonso “in situ”, foi a mesma coa que se realizaría o lanzamento. Entón… ao choio! Situados en cadanseu círculo debuxado no chan, un para o cantante e outro para Ricardo, cun tempo determinado e sen saírse da zona marcada, deu a orde de saída o presentador José Ramón, iniciando o concurso ou desafío.
Quen levou o gato á auga? Sen dúbida, o vencedor foi a buxaina, xa que o participante despois dunha importante cantidade de voltas, solicitou abandonar a proba, polos posibles mareos consecuentes. O importante non era conseguir un vencedor, senón que o xogo proposto era o realizar xiros como os que fai unha buxaina nos seus movementos antropomórficos.
Aproveitouse a ocasión para publicitar o XVIII Acto Central do Día da Buxaina, que este ano se desenvolverá hoxe luns día 11 en Baio (Zas) da man organizadora de BRINQUEDIA (Rede Galega do Xogo Tradicional). Tamén este mesmo día, organizarase, por parte do MELGA e do peoncero de profesor Luis Ramas, sobre as 13:00 h. na Praza de María Pita, despois de ler un “Manifesto sobre o Peón” a cargo do profesor Stevo de Zas, executarase un lanzamento masivo de todos os asistentes, para tentar bailar o maior número de buxainas ao mesmo tempo. Só falta que o tempo nos acompañe e desde aquí emprazamos a todos os “fans” deste xogo ancestral, para divertirse e lembrar os nosos tempos pasados. Virvos a xogar! Esperámosvos!
Leave A Comment