Durante as pasadas festas de Nadal de 2024, Ricardo Pérez y Verdes, presidente da fundación que leva o seu nome e director-guía do Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), aproveitou este período vacacional para desprazarse á veciña comunidade autónoma de Castela e León. O obxectivo era coñecer, visitar e, se fora posible, realizar un irmandamento con varios dos museos existentes en distintas localidades castelás e leonesas.
Foron tres os museos visitados polo noso director, que desde este momento quedan irmandados co MELGA de Ponteceso: o Museo del Juguete Ricordi, situado en Medina del Campo; o Museo del Juguete de Fompedraza, ambos na provincia de Valladolid; e o Museo do Juguete de Lerma, localizado na provincia de Burgos.
Hai que recoñecer que os tres museos eran ata agora descoñecidos para nós, principalmente porque teñen unha función diferente ao MELGA. Como os seus nomes indican, son museos dedicados exclusivamente ao xoguete, mentres que o MELGA aborda tamén o xogo e o deporte. Ademais, son recintos relativamente recentes.
Por orde cronolóxica, o primeiro en inaugurarse foi o de Fompedraza, o 19 de xuño de 2021; seguiulle o de Lerma, o 30 de abril de 2022; e finalmente, o de Medina del Campo, o 7 de xullo de 2023. A localización dos mesmos é variada: o museo de Medina está situado nunha nave industrial de 1.500 metros cadrados (antigamente unha tenda de mobles), o de Lerma ocupa un espazo de 500 metros cadrados nunha antiga froitaría e supermercado, e o de Fompedraza está instalado en dous contedores marítimos conxuntos, cunha superficie aproximada de 80 metros cadrados.
En canto ao material exposto, destaca a gran variedade e volume: o Museo de Medina conta con máis de 6.000 pezas, o de Lerma con 800, e o de Fompedraza con 300 xoguetes. Estes datos sitúan ao museo de Medina del Campo como un dos máis grandes de España, tanto polo número de xoguetes en exposición como pola súa capacidade. Todos son museos de coleccionistas privados, con apoio institucional por parte dos concellos e deputacións correspondentes.
Nos tres museos, Ricardo Pérez foi recibido con grande hospitalidade polos respectivos propietarios e directores-guías, que lle ofreceron visitas guiadas privadas como mostra de cortesía.
Queremos agradecer especialmente a José Manuel Fernández, presidente da Fundación Xuntos por un Sorriso e propietario do Museo do Xoguete Ricordi de Medina del Campo, así como ao seu director xeral-guía, Romel de Blas, que nos permitiron coñecer durante máis de tres horas as magníficas instalacións e obxectos orixinais, todos fabricados en España entre as décadas dos 80 e 90 do século pasado.
En Fompedraza, na provincia de Valladolid, fomos recibidos polos irmáns Eduardo e César Benito, propietarios do museo, que explicaron con gran detalle os pormenores do seu pequeno espazo dedicado ao xoguete, situado nunha vila de pouco máis de 100 habitantes.
Para finalizar o percorrido, en Lerma, na provincia de Burgos, o noso director foi recibido por Antonio (Tony) Martín, propietario e director do museo, quen, de forma amena e entusiasta, compartiu coas súas explicacións unha parte da súa colección. Os xoguetes expostos abarcan cinco xeracións, dende o ano 1890 ata a década de 1970.
Ricardo Pérez transmite unha gran satisfacción polo recibimento e atención recibida nos tres museos, polo intercambio de ideas, a posibilidade de crear redes entre as institucións, a adquisición de xoguetes localizados, a perspectiva de futuras exposicións conxuntas e préstamos de material, e, sobre todo, polo irmandamento logrado.
Como era de esperar, o MELGA estivo presente ao final de cada xornada mediante a entrega de recordos institucionais e folletos publicitarios do museo, así como guías turísticas do Concello de Ponteceso. Como broche final, Ricardo convidou persoalmente a todos os anfitrións a visitar o MELGA en Galicia cando lles fora posible. Esta cita, por tanto, queda pendente para o ano 2025.
Leave A Comment