Achégase a sétima edición do Festipopeóns de Ponteceso

O vindeiro domingo día 11 de novembro, como cada ano, vimos celebrando o Día do Peón no concello de Ponteceso, para lembrar a San Martiño, patrón de todos os “ peonceros” de Galicia. Nesta ocasión, dita actividade cumpre sete anos e está organizada pola Fundación Ricardo Pérez e Verdes, o Museo Etnolúdico de Galicia e o Concello de Ponteceso.

A xornada dará comezo ás 11,00 h. da mañá coa inauguración das exposicións “O peón nas Belas Artes” colección particular do director do MELGA e “ Peonzas do mundo” coas coleccións privadas de Charo Español e de Ángeles Lence, que achegarán máis de 200 peonzas, trompos, perinolas e perindolas dos cinco continentes. Ao mesmo tempo comezarán os concursos de resistencia, precisión, velocidade e trucos con peonzas tradicionais, talleres de recortables, quebracabezas, tuneados,…e na sala de conferencias Ricardo Pérez e Verdes reunirá á maioría das persoas maiores do concello de Ponteceso, na súa segunda xornada de “Recordos Lúdicos”, para que expoñan as súas experiencias a través dos xogos populares e tradicionais nas súas etapas escolares.

Ás 12,45 darase lectura por parte da maioría dos participantes e espectadores de textos (poesías, adiviñas, artigos, etc…)onde a peonza sexa a protagonista e ás 13,00 h. será o Acto Central do Día do Peón, coa lectura do Manifesto de 2018 a cargo do profesor e historiador Luís Giadás do IES, Ponteceso.

Finalmente sobre as 13,15 h. tentarase por todos os participantes bater o record do mundo de peonzas bailando ao mesmo tempo e entregaranse os premios dos concursos así como agasallos para os participantes, dando por Clausurado o VII FESTIPOPEÓNS de Ponteceso sobre as 14,00 h. A actividade será gratuíta e poderán participar todos aqueles que o desexen. Seguir bailando a buxaina por moito tempo! Ata o próximo ano 2019!

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.