A Asociación Galega de Autocaravanas recalou onte sábado día 18 de xuño, despois de inaugurar ás 13,00 h. da mañá, unha nova área de servizo no parking do Centro Cultural, onde se sitúa o MELGA, sobre as 17,00 h. da tarde, os máis de cento vinte “autocaravanistas”, nas instalacións do Museo Etnolúdico de Galicia, para realizar unha visita guiada. O grupo visitante foi recibido no hall do centro, polo Presidente/Director Ricardo Pérez e Verdes, o cal levou a través das salas de exposición, máis de tres horas, un percorrido pola infancia e mocidade dos alí congregados. Mulleres, homes e nenos practicaron, ademais de escoitar detidamente as explicacións e anécdotas do guía, aqueles xogos que gozaran cando eran pequenos e a algúns/as “algunha lagrimilla” de emoción escapóuselles. Retorno festivo e alegre a tempos pasados.
En nome dos seus compañeiros/as o presidente de AGA, transmitíanos que “foi unha tarde memorable, moi ditosa, lúdica e abrigo nostálxica, pois facían moitos anos que non gozaramos e xogaramos daquelas esquecidas actividades propostas na sesión como a ra, a billarda, a estrela, as carreiras de tartarugas, ou peón, embocabolas, o varapau, o tirafungueiro, etc…e que, pola súa banda, sería un referente recomendable e difundida ao máximo dentro dos seus programas e rutas turísticas, para todos aqueles asociados que non tiveron a oportunidade de acompañarnos neses momentos, apuntándoa en todas as guías turísticas e páxinas web de todas as asociacións galegas, españolas e europeas”. Hai que comentar que moitos dos asistentes á sesión (mulleres e homes) retaron e desafiaron, en varias ocasións ao director do museo para realizar os concursos que alí se propoñían, saíndo en moitas ocasións claro vencedor, polos adestramentos levados a cabo durante todas as sesións de aprendizaxe e ensino das visitas. A xente moi participativa e alegre.
Dúas notas a destacar na xornada, o presidente da Asociación Paco Pena, impuxo ao director do MELGA a insignia de prata da Asociación Galega de Autocaravanas, como recoñecemento e gratitude, pola atención dispensada a todos os seus asociados e xunta directiva. Finalmente ao acto uniuse o alcalde de Ponteceso Lois Carballido, que de novo comunicou a todos os presentes que, en futuros percorridos caravanísticos, o concello de Ponteceso sexa parada obrigada tanto a nivel turística, cultural e gastronómica da Costa da Morte.
Leave A Comment