Acaba de aparecer recentemente nas librerías de Galicia o número 71 (último), da Revista Galega de Educación, que publica a editora Nova Escola Galega, onde no apartado denominado “ Xoguetainas e Brinquetaina” ( pag.68), aparece un artigo titulado “O MELGA, un museo para visitar en Ponteceso”.
A Revista Galega de Educación é desde 1986 unha publicación pedagóxica de carácter teórico-práctico de actualidade educativa e é a única revista galega de educación en formato impreso que realiza intercambios científicos con outras publicacións pedagóxicas europeas e americanas. Da man do seu director Jesús Rodríguez, fixo deste documento cuadrimestral un referente necesario para todos os educadores e investigadores deste país. En tres extensas páxinas, dáse unha visión exhaustiva do que é este museo, o seu nacemento, os seus obxectivos, as súas salas de exposición, as súas pezas, terreos de xogos, dirección, actividades programadas, horarios, visitas, etc… é dicir, todo o que se desexa saber do mesmo.
A ampla recensión foi efectuada por a licenciada en Ciencias do Deporte, a Educación Física e Actividade Física Saudable da Universidade da Coruña, Manuela Vázquez Coto, gran coñecedora do recinto museístico e especializada no mundo dos xogos e deportes tradicionais galegos.
Nestes momentos a doctoranda está a elaborar a súa tese doutoral sobre un xogo feminino galego (existen poucas referencias lúdicas femininas en Galicia), recuperado por ela, cuxas fontes e centro de operacións están situadas na parroquia ourensá de Carballeda de Avia (Santo Estevo de Nóvoa), denominado: “ A Bugalliña: un xogo feminino esquecido”.
Con esta publicación, que posiblemente chegue a todos os docentes galegos, é peza básica para ter unha referencia educativa e pedagóxica de primeira orde en canto a coñecementos do mundo lúdico. Este aspecto, cuestión fundamental desde o inicio do nacemento do mesmo, pois sempre estivo entre os seus obxectivos, o que puidese ser, nun futuro, o epicentro e base de documentación bibliográfica, formación e investigación, para todos os interesados no campo dos xogos e deportes tradicionais, como tamén da historia das actividades físicas e deportivas, do tempo libre e o lecer e calquera rama que se derive deles. Un paso máis entre obxectivos do noso centro lúdico-cultural.
Leave A Comment