Derradeira xornada da Liga Nacional de Billarda e IV Aberto de Billa no Melga de Ponteceso

Na mañá de onte domingo día 21 do presente mes de maio, ás 11,00 h. no campo de xogos do MELGA (Centro Cultural) de Ponteceso tivo lugar a IV edición do  ABERTO DE BILLA E XII (ÚLTIMA) XORNADA DA LIGA NACIONAL DE BILLARDA, organizado pola Fundación Ricardo Pérez e Verdes, a Confederación Noroeste, a liga Nacional de Billarda e a imprescindible colaboración do concello de Ponteceso, que prestou as súas instalacións deportivas e acondicionou o campo de lanzamentos, nas mellores condicións para o desenvolvemento do xogo.

Con 32 concursantes en competición (25 homes, 3 mulleres, 3 nenos e unha nena)  e un bochorno asfixiante, a organización distribuíu en dous campos de xogo, dous grupos de 10 compontes cada un deles. Xogáronse varias series de lanzamentos para clasificándose para a segunda rolda, ata chegar 4 xogadores/as ás semifinais e por último 2 xogadores para dilucidar na final o trofeo de vencedor.

Os equipos participantes foron 7 dos seguintes municipios: Campo dá Feira-Paiosaco (A Laracha), Cochikeiros (Cerceda), APB Santa Marta (A Laracha), Filloas de sangue (A Coruña), Melga (Ponteceso), Sisargas (Malpica) e Croa do Castro (Malpica)

Despois de tres horas de xogo os diferentes vencedores foron: Campión Absoluto Berdillo do equipo Cochikeiros de Cerceda con 13 puntos; Subcampión foi Xulio Ponche do equipo Campo dá Feira-Paiosaco con 11 puntos e Terceiro clasificado para Viqueira do Cochikeiros de Cerceda con 10 puntos. En oitava e novena posición, clasificáronse os xogadores de Ponteceso  Manuel Pastoriza e Carlos Andrade respectivamente. Na categoría feminina a campioa absoluta foi Merche de APB de Santa Marta (A Laracha) e a subcampioa foi para Begoña de Filloas de sangue (A Coruña).O campión infantil menores de 14 anos foi para Marc do Campo dá Feira-Paiosaco (A Laracha) e subcampión Abel tamén do mesmo equipo. Na categoría infantil mais de 14 anos o campión foi Felix do Campo dá Feira-Paiosaco (A Laracha).

Como todos os anos, a organización establece un premio especial para aqueles xogadores empadroados no concello de Ponteceso, resultando o campión absoluto Manuel Pastoriza de Tella-Ponteceso. E o equipo campión absoluto foise  para o Campo dá Feira de Paiosaco con 34 puntos e subcampión foise para o Cochikeiros de Cerceda con 24 puntos, terceiro clasificado para APB Santa Marta (A Laracha), cuarto par Filloas de sangue (A Coruña) con 10 puntos, quinto para o Melga (Ponteceso) con 6 puntos e Sisargas (Malpica) con 3 puntos e sétimo posto para Croa do Castro (Malpica) con 2 puntos.

Despois desta última xornada de Liga, as clasificacións finais de tempada 2016-17, foron as seguintes: campión absoluto con 94 puntos para Xosé Collazo de Paiosaco; subcampión para Viqueira de Cerceda con 74 puntos; terceiro clasificado Juan Carlos con 70 puntos, igualado con Xulio Ponche ambos de Paiosaco e quinto clasificado con 66 puntos Berdillo de Cerceda. O categoría feminina campioa foi Merche con 30 puntos de Paiosaco, subcampioa Tere con 9 puntos e terceira clasificada Begoña con 6 puntos. Categoría infantil Marc (10 puntos),Abel (8 puntos) e Óscar Cambón (8 puntos)

Por equipos o campión absoluto foi para o Campo dá Feira de Paisaco (A Laracha) con 321 puntos, segundo posto para APB Santa Marta (A Laracha) con 185 puntos, terceiro clasificado para Filloas de Sangue (A Coruña) con 161 puntos e cuarto clasificado para Cochikeiros de Cerceda con 157 puntos.

Na categoría de varados, é dicir, aqueles que realizan cun só golpe o percorrido total, durante toda a tempada, foron para: campeón foi Berdillo con 7 varados; segundo para Collazo con 5 e terceiro con 1 varado para Martín Bocixa.

Finalmente, entregáronse  no hall do MELGA, unhas esculturas artesanais, feitos en madeira, realizadas polo veterano “billardeiro” Gándara que doou ditas obras de arte a todos os campións.

O vindeiro domingo día 28 de maio, no campo de fútbol do Atlético Fátima O Castiñeiriño de Santiago de Compostela, desde as 11,00 h. ata as 20,00 h. levará a cabo o Play-Off Nacional-2017 (Campionato Galego) en todas as categorías, onde competirán os mellores xogadores/as e equipos representantes das tres Confederacións Galegas: A Noroeste, Norleste e Rias Baixas.  Desexamos que o tempo lles acompañe e que gocemos do gran Día da Billarda en Galicia. Quedan todos convidados.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.