Esta fin de semana do 8 ao 10 de novembro do presente ano 2019, o noso presidente e director Ricardo Pérez e Verdes da Fundación e o MELGA de Ponteceso respectivamente, participou na cidade de Castelló da Plana, Comunidade Autónoma Valenciana, no II Congreso Internacional: Os xogos na Historia. A diversidade Lúdica na Escola e no Tempo Libre.
As xornadas realizáronse, mañan e tarde, os días 8 e 9, no referente á parte teórica, a través de comunicacións, conferencias, relatorios e exposición de posters por parte dos participantes invitados, na Salón de Actos do Consello Social da Facultade de Ciencias Humanas e Sociais da Universidade Jaime I do Campus de Castelló. A parte práxica levou a cabo o domingo día 10, na próxima poboación castellonenca de San Mateu, co título da mesma “I Festival Maestrat Games: Trobada Internacional de Mirles (Birlos)”, ademais de talleres de confección e construción de xogos tradicionais con cana e de pelota valenciana (Frade), dúas pequena exposicións, unha sobre os xogos e xoguetes da zona e outra sobre fotografías lúdicas dos veciños do pobo que prestaron as súas imaxes para a mesma.
A organización do acontecemento correu a cargo do profesor Joan Ortí da Universidade Jaime I e veciño de San Mateu, a Fundación do Instituto Ramón Montaner e a Asociación a Tella da localidade, onde non faltaron actividades paralelas, como as que corresponderon á parte cultural, artística e gastronómica da rexión do Maestrazgo valenciano. A planificación e exposición dos traballos, podémola destacar como moi intensa, frutífera e dun gran nivel científico, aínda que algo escasa en participantes oíntes.
Os numerosos conferenciantes, un total de mais de corenta intervenientes, proviñan sobre todo da comunidade valenciana, navarra, galega, aragonesa, balear e catalá. Os países estranxeiros que expuxeron os seus estudos de investigación procedían de catro continente (só faltou Oceanía), terras tan afastadas como: a India, Ethiopía, Brasil, Italia, Rusia, Portugal e Francia.
A única presenza expositiva galega correspondeu neste Congreso Internacional, á Fundación Ricardo Pérez e Verdes e o Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA), cuxa lectura versaba sobre “Os xogos de taboleiro na antigüidade preclásica: as súas causas e regras”, ademais da presentación en vídeo do noso museo e da contorna onde está situado, Ponteceso. Tamén se atopaba entre todos os comunicadores outro galego, Apolinar Varela Graña, pero neste caso representando á Universidade de Navarra, onde está a impartir docencia universitaria. A súa temática versou sobre “ O xogo popular nas clases de Educación Física nun municipio da Costa da Morte de Bergantiños”, cuxo traballo está deseñado no noso veciño concello de Malpica.
Contando coa presenza nestas xornadas, como relator das mesmas, o presidente da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais, o catalán Pere Lavega, o noso director reuniuse en varias ocasións co el, para tratar e avanzar temas concernentes á próxima Reunión de Inverno do Consello de Administración, que se celebrará no Centro Cultural/ MELGA entre os meses de febreiro e marzo do 2021 (data sen confirmar) co apoio e patrocinio necesario e inestimable da Deputación da Coruña e o Concello de Ponteceso, e cuxa sede deberemos de aprobar definitivamente, na próxima Asemblea Xeral Europea, do próximo agosto do ano 2020 en Bretaña (Francia).
Leave A Comment