Estamos verdadeiramente agradecidos por todas as persoas que, esta fin de semana e durante todo o ano, achéganse a Ponteceso para facernos unha visita ao Museo Etnolúdico de Galicia, máis coñecido por todos polo MELGA, ubicado no Centro Cultural do Concello de Ponteceso.
Foron máis dun centenar de persoas (exactamente 124), entre os tres grupos e persoas que se achegaron pola súa conta. Tamén, por ser a primeira vez, que tivemos unha xornada dominical ao completo, primeiro cunha visita guiada pola mañá cun grupo moi heteroxéneo do ANPA O Areal | EEI Fernández Varela e pola tarde (excepcionalmente) unha sesión vespertina cun grupo de persoas maiores da sociedade coruñesa (o venres viñeron, dende Lugo, membros da Asociación Lugo Patrimonio). Tratábase do grupo do Fogar Parroquial de Santa María e Santiago da Coruña, nun número próximo ás corenta persoas maiores, todas elas mulleres e soamente dous compoñentes masculinos, o esposo dunha delas e o coordinador da actividade e encargado da sección cultural Joaquín Vilas Escanriza.
A sesión museística deu inicio ás 17:30 h. e prolongouse ata as 20:00 h. da serán. Aínda que todas as persoas eran maiores, entre os 60 e 90 anos de idade, aguantaron estoicamente o tempo dedicado á visita guiada, aínda que algunhas delas necesitaron nalgún momento un breve descanso para logo continuar o percorrido. Participaron na maioría dos xogos adaptados programados e non cesaron de realizar preguntas e máis preguntas ao guía, asombrabandose do que alí se exponia e sobre todo emocionábanse daqueles xogos practicados por elas durante a súa infancia, segundo comentarios persoais, se tivesen máis tempo, prolongouse máis horas a visita. O que máis lle gustou foi a segunda sala a da Historia cronolóxica dos xogos e deportes a través dos tempos. Transmitíronnos infinidade de felicitacións polo gran traballo e difusión do noso Patrimonio Lúdico e Inmaterial de Galicia.
As compoñentes do grupo, pertencían na súa maioría á distinguida sociedade coruñesa dos anos 50-60 do século pasado. Entre todas elas atopábase a archiconocida María Pilar Espada, a profesora de inglés máis coñecida de Marineda, viaxeira empedernida, centro de todos os faladoiros coruñeses, actos sociais e sen dúbida a máis elegante, cos seus traxes de alta costura, que exhibía diariamente polas pasarela das rúas principais da Coruña.
Outra da visitante foi a pioneira do atletismo feminino coruñés Margarita Dans, saltadora de altura, xavelina e disco (record de Galicia) e medalla ao Mérito Deportivo da Federación Galega de Atletismo. Modelo de pasarela, cantante, pianista e actriz de teatro. É a historia viva da cidade da Coruña no mundo deportivo¡ Comentounos o noso director, que ao final da visita, Margarita presentouse para saudalo e lembrarlle, que se coñecían, cando adestraban ambos nas pistas de Riazor e Ricardo era, neses momentos, lanzador de xavelina e atleta de 400 m. lisos co Club Deportivo da A Coruña de Atletismo. Cantos anos pasados desde entón! Foi un encontro emocionante. Margarita prometeu que para nosa Galería de Deportistas, que contásemos (doazón), con algún recordo persoal das súas fazañas deportiva, para a nosa sección.
Outra xornada excepcional con visitantes moi interesados na vida patrimonial de Galicia e viaxeiros culturais incansables, non só de Galicia senón de todo o mundo. Aínda que fose unha fin de semana intensa e abafadora, só compénsanos a satisfacción que os visitantes saíron do museo enormemente compracidos. Iso compénsanos todo o esforzo realizado por todos nós.
Leave A Comment