Recibimos, en xornada matinal, no Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), situado no Centro Cultural do Concello de Ponteceso, a un grupo de excursionistas de persoas maiores, o pasado sábado día 9 do presente mes de novembro. Os compoñentes do grupo procedían do Centro Fórum Metropolitano e o Ágora da Coruña. Todos eles viñan acompañados dos seus educadores sociais Eduardo Dopico, que coordinaba e representaba ao grupo e da educadora social en prácticas María Pérez, ambos membros da empresa cambresa de SERVIPLUSTOTAL SL., dedicada a dar servizos de Saúde, Lecer e Deporte de Galicia.
O total de visitantes ascendía a medio centenar de persoas, dos cales, catorce eran homes e o resto mulleres. As idades atopábanse na franxa dos 65 aos 80 anos e as súas profesións eran en grao sumo variadas, pois se atopaban xuíces, empresarios, arquitectos, funcionarios, profesores universitarios, educadores, músicos, escritores etc. Unha mostra importante da sociedade coruñesa. Todos, como supoñerán, en estado “Jubiloso”.
Despois de visitar a exposición ao aire libre de “Os xogos tradicionais en Galicia en Murais de Azulexos” doados pola Fundación LAR de Cee á nosa Fundación, visionar os vídeos publicitarios “Cómic MELGA” (visita virtual) e o himno do museo “Cantamos: xogos populares” de Luís Vallecillo, os grupos foron divididos en dous sub-grupos.
Antes do inicio da visita guiada, o coordinador da actividade Eduardo Dopico, fixo entrega a Ricardo Pérez e Verdes dun xogo de taboleiro romano, confeccionado a man por varios dos visitantes denominado “Ludus Duodecim Scriptorum” e a continuación o propio profesor do taller, fixo unha doazón (esta fai a número catro) á Fundación e ao MELGA de xogos de tabuleiro siguientes: O Abalone, O Coloco e os Modular-Star de Axedrez e Damas.
Ambos subgrupos, durante case unha hora e media, por rotación, pasaron pola biblioteca e as salas do museo. Na biblioteca realizouse un Taller de Xadrez e Xogos de Taboleiros antigos o Mancala, o Real de Ur, o Senet eo Alquerque(novidade nas visitas guiadas) a cargo do mestre-profesor especialista Eduardo Dopico que nos acompañaba. E nas salas expositivas do museo (parte teórica e práctica de xogos de interior), co noso director. Con algo máis de tres horas, tanto monitores como excursionistas, a sesión pareceulles cortísima, sobre todo no percorrido pola segunda sala. Non lles faltaba razón, xa que toda a sesión, houbo que comprimila a unha soa hora e media por cada lugar de traballo lúdico, pois tiñan pola tarde organizadas outras actividades.
Como curiosidade da sesión lúdica, debemos sinalar que ao final da visita guiada, un dos visitantes, achegouse ao guía e presentouse como o Editor do libro “Xogos populares en Galicia”, cuxa autoría é o noso director Ricardo Pérez e Verdes. Sen dúbida… Unha inmensa sorpresa!
Despois da visita guiada ao MELGA, todos os compoñentes desprazáronse ao restaurante “A Pesqueira” para repoñer forzas e a continuación, debido ao mal tempo, no canto de visitar Monte Blanco, Balarés e Rocudo como estaba previsto, tiveron que restructurar a xornada vespertina , tomando a decisión de achegarse ao Dolmen de Dombate da veciña Cabana de Bergantiños, por ser un recinto cuberto. Sobre as 19:00 h. o autobús partiu cara á Coruña.
Un grupo con moitísima ilusión por coñecer o noso museo, xa que tiveron, nestes últimos anos pasados (2017) as inmensas ganas de visitarnos pero… por diversas circunstancias non se puido realizar ata o día de hoxe. A maioría dos compoñentes do grupo era a súa primeira vez en coñecernos e quedaron tan impresionados que comentaron que volverían de novo pero con moito máis tempo e familiarmente. Dicían: “Que bonito, na miña vida vin tantos xogos e xoguetes xuntos! Canta razón tiñan aqueles que nos comentaban, que valía a pena ver este museo situado na pequena Ponteceso! Como pode estar un museo desta categoría neste lugar! Saímos impresionados/as! Unha viaxe á infancia! Encantado de visitar este marabilloso lugar!“. Debido a que non tiveran o tempo suficiente, como expuxemos en liñas anteriores, todos os presentes desexaban realizar a reserva, para repetir de novo o mesmo grupo, antes de finalizar o ano-24.
Que gran satisfacción para a entidade museística!
Leave A Comment