O Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) situado en Ponteceso, onte sábado día 3 do recentemente iniciado mes de decembro, recibimos, por primeira vez, a un grupo de compoñentes da Asociación Brosladeiras do municipio ferrolán de Neda (A Coruña).
A coordinación da actividade e a súa planificación estivo a cargo de Mariluz Paredes. A sesión teórico-práctica matinal tivo unha duración aproximadamente de tres horas. O grupo compoñíano vinte mulleres. Esta asociación dedícase, a través da súa escola, ao ensino do “bordado” e realizar toda clase de traballo sobre pezas para embelecelas e sobre todo para que non se perda esta profesión tan antiga nada na antiga Babilónica (Mesopotamia). As “mozas” compoñentes da colectividade eran persoas entre a franxa dos 50 aos 85 anos, pero cun dinamismo admirable, moi participativas e sobre todo cunha alegría contaxiosa, que a xornada, con algunhas pequenas limitacións, foi extraordinaria.
Non só escoitaron as explicacións do guía do museo, senón que participaron en todos os xogos planificados na sesión práctica, acompañados e dirixidos por Ricardo Pérez e Verdes. Despois da xornada lúdica, todo o grupo “vagueou” Ponteceso, porque ningunha das compoñentes coñecía a vila, non faltando o paseo fluvial, a Casa de Eduardo Pondal, etc. e finalmente para repoñer as forzas do esforzo realizado, xantaron nun restaurante da zona e finalmente antes de irse para Ferrolterra, achegáronse ao municipio de Buño (Malpica) para coñecer este pobo, referente no mundo da olería galega.
Hai que agradecer, ao noso amigo Eugenio Souto (Tella), que co seu don de xentes e amabilidade, recomendou en datas pasadas á devandita asociación, para que nos visitasen, xa que valía a pena coñecernos. Podemos pensar, que con el, debemos ampliar a lista de embaixadores da nosa entidade. Gratitude inmensa!
Leave A Comment