No día de onte Venres Santo, tivemos a ocasión de recibir no Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), á gran defensora e embaixadora do noso recinto museístico, Maya Álvarez Sotomayor, neta do pintor galego Sotomayor, acompañada do seu fillo Gonzalo Cortés, único que aínda non coñecía o noso museo, ademais da súa muller Lucía Guernica e fillas (Maya e Cloe) e amigos manchegos, nunhas datas non habituais, xa que a saga Sotomayor adoita visitarnos o mes de agosto de cada ano nas súas vacacións estivais, pois como é sabido pasan as mesmas, na casa señorial de Sergude, en Xornes parroquia moi próxima a Ponteceso.
Unha xornada, como sempre, de intercambios de coñecementos sobre o mundo dos xogos e deportes tradicionais e a arte, as dúas horas matinais pasáronse “voando”. Segundo Maya, o museo dera outro cambio máis, xa que desde o ano 2021 que non puidera regresar á cita anual por diferentes motivos, expoñíanse moitas pezas novas e a distribución do mesmo cambiara para mellor, aínda que o espazo existente, nestes momentos segue sendo escaso para o gran fondo que posúe a Fundación Ricardo Pérez e Verdes.
Durante a visita guiada realizada ao grupo convidado da familia Sotomayor, moitos dos visitantes particulares que se atopaban no museo (Carnota, Cee, Arteixo, Cambre, A Coruña, Pontevedra, Lugo, Brantuas e Leiloio) uníronse ao guía para seguir as explicacións. Como anécdota, entre os visitantes atopábase un ex – alumno do noso director Xurxo Rodriguez, coa súa esposa e fillos, que facía 25 anos, despois de finalizada a licenciatura na Universidade, non se atoparon e menos no museo, que non o coñecían aínda que sabían da súa existencia. Unha excelente sorpresa!
Despois do intercambio de agasallos, a familia Sotomayor doaron á Fundación e ao museo, de mans dunha das netas de Maya, Cloe, fixo entrega dun chaleco salvavidas de principios do século pasado, que nestes momentos atópase na vitrinas do museo, á beira dos fusís de submarinismo do seu avó Fernando, irmán da nosa distinguida protagonista. Como de costume unha velada magnífica e extraordinaria.
Leave A Comment