Despois de tres anos de ausencia, dous deles pola pandemia e outro porque non se puido organizar axeitadamente, as bicicletas clásicas saíron outro ano máis, e con esta fan cinco edicións (2015 – 2022), para realizar un roteiro polo paseo marítimo do Concello de Sada (A Coruña), polas súas rúas adxacentes e comerciais do municipio.
A serpe multicolor de participantes (chegando case á corentena este ano, récord do roteiro ata a data) tivo que facerse en moitas ocasións un oco para sortear ás miles de persoas que abarrotaban as rúas e parques, ademáis das múltiples actuacións rueiras que se organizaron.
Outro ano máis o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) foi o organizador da II Xornada Cicloclásica dentro da XI Feira Modernista da veciña cidade mariñeira de Sada.
Todos os participantes concentráronse ás 11:00 horas na praza da Peixaría, detrás do edificio do OMIX do municipio, verificando os xuíces da proba, as bicicletas e as vestimentas que os ruteros debían obrigatoriamente establecer para poder participar. Feita a comprobación regulamentaria, todos os asistentes coas súas «máquinas» desprazáronse ao edificio modernista típico da praza da Terraza, onde se captaron as correspondentes imaxes de todo o grupo. Neste caso fomos recibidos pola concelleira de Mocidade, Participación Cidadá, Transparencia, Cooperación e Tics Rebeca Mouriño, que deu a benvida a todos os presentes coma voceira da corporación municipal e, ás 12:00 en punto, baixou o pano en sinal da partida do roteiro por todo o pobo sadense.
Realizado o roteiro matinal, as bicicletas clásicas, baixo unha carpa da organización, expuxéronse para que todo o público puidese observar, consultar e achegar calquera detalle sobre as mesmas. Esta primeira sesión «museística» estivo aberta cara ao público desde as 14:00 até as 17:00 horas. A continuación, todos os participantes -para repoñer forzas despois do esforzo realizado e para que as biciclásicas non sufrisen máis da conta- dirixíronse a un restaurante do municipio onde o concello de Sada convidou a todos os compoñentes do roteiro a un xantar de confraternidade.
A sesión vespertina iniciouse ás 17:30 e, despois dunha hora e media de roteiro, finalizou en torno ás 19:00 horas. As clásicas volveron esta vez non á carpa, senón á pradería do paseo marítimo (a carón do edificio da Terraza) para volver ser expostas e que todos aqueles interesados puidesen expor as inquietudes que desexasen sobre as mesmas, obter imaxes de recordo con elas e, sobre todo, poder probalas dando un pequeno percorrido polo parque. Un gran éxito de participación!
Como se comentou anteriormente, foi unha xornada triunfante, tanto en participación, procedencia dos ciclistas, novas adquisicións, etc. Non faltaron as marcas de bicicletas Honor, Homen, BH, Orbea, Bianchi, Vitus, Colnago, Legnano, Look, etc. Todas elas situábanse entre o 1938 e os anos 50. A bicicleta máis antiga era que a portaba o noso director do MELGA Ricardo Pérez y Verdes (de 1938). Tampouco faltaron os triciclos de tres/catro rodas, así como algunha motocicleta antiga (toda esta sección nova este ano 2022).
A procedencia dos participantes era diversa. Nesta ocasión representaban ás localidades de Vigo, Ferrol, Pontedeume, Mugardos, A Coruña, Ponferrada, Ourense, Lugo, Coirós, Arteixo, Oleiros, Ponteceso e Sada. A meirande parte eran parellas e familias ao completo (avós, pais e fillos), destacando a participación de seis nenos e nenas entre os 5 e os 8 anos de idade. As idades dos adultos oscilaban entre os 18 e os 80 anos.
Un espléndido día estival, moita participación, moito apoio institucional e moita xente observando o roteiro. Só nos queda comentar que foi un exitazo total!
O noso director, aproveitando a oportunidade, emprazou e convidou a todos os participantes a desprazarse ao concello de Ponteceso para participar no VII Roteiro de Bicicletas Clásicas có gallo das festas patronais da Barquiña que se levarán a cabo o domingo día 11 de setiembre do presente ano.
Leave A Comment