O centro escolar coruñés CEIP Plurilingüe Bragade de Dordaño (Oza – Cesuras) desprazouse por primeira vez a Ponteceso hoxe, martes día 10 de decembro, para realizar unha visita guiada ao Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), como actividade extraescolar de final de trimestre e como despedida do ano 2024.
Os visitantes recibidos no Centro Cultural, onde está situado o MELGA, excedían o centenar (110), entre alumnos/as e profesores/as dos ciclos de infantil e primaria, con idades comprendidas entre os 3 e os 11 anos. Todos eles viñan acompañados dos seus profesores-titores: Ander Martínez, Rebeca Lamas, Elisa Vidal, Patricia Platas, Carmen Presa, Iria Sánchez e Alexia Aguiar, sendo esta última a coordinadora do grupo docente.
Despois dun longo percorrido en autobús desde Oza-Cesuras a Ponteceso, de case hora e media, a sesión lúdica deu inicio ás 11:00 h., comezando no exterior do campo de xogos coa visita á exposición que temos ao aire libre dos “Murais de Azulexos de Xogos e Deportes Tradicionais Galegos”, doados pola Fundación LAR de Cée á nosa Fundación Ricardo Pérez y Verdes. Ao contar cun grupo tan numeroso e heteroxéneo, este repartiuse en dous subgrupos: un de infantil e outro de primaria. Mentres o grupo de infantil realizaba xogos de interior na Sala II do museo coa profesora Vanessa Casais, o noso director acompañaba o grupo de primaria na Sala I. Despois dunha hora e media de sesión teórico-práctica en cada sala e un breve descanso para tomar un tentempé, os grupos intercambiaron as salas para poder exercer todas as actividades programadas.
Aínda que o tentaron, non foi posible lograr ningunha marca destacada, malia pór todas as súas habilidades en xogo. Pero non só se alcanzan os éxitos co entusiasmo que se lle poña; tamén é necesario “adestrar” un pouco a técnica dos propios xogos. Iso si, foi un grupo moi disciplinado e cun enorme interese no tratado durante a visita. Non houbo premios para ningún gañador ou gañadora, pero o director/guía tivo a ben obsequiar a ambos os grupos, para as súas aulas, con recordos do museo, así como con folletos publicitarios do Concello de Ponteceso.
Aínda que tiñan pensado desprazarse para coñecer a Casa do Bardo Eduardo Pondal, Monte Branco, Roncudo, etc., e xantar no Piñeiral de Balarés, o tempo chuvioso impediuno. Porén, o noso alcalde, José Manuel Mato, tivo a ben autorizar e habilitar a biblioteca municipal (baixo cuberta) para degustar as viandas traídas e continuar a “sobremesa” desfrutando con xogos de mesa, ofrecidos pola dirección do museo.
Unha longa xornada de case cinco horas, aínda que cunha gran pena, segundo os comentarios dos profesores, por non poder coñecer a nosa contorna paisaxística e monumental. Aseguraron, porén, que o próximo ano buscarán unhas datas máis axeitadas, onde o día sinalado para a visita, coa axuda das “meigas”, sexa espléndido e ideal. Unha pasada de excursión! Unha gozada! Divertidísimo! Queremos volver! Foron frases transmitidas e repetidas polos alumnos.
Leave A Comment