Hoxe venres pola mañá desprazouse ao Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), na súa sétima visita desde o ano 2018, o CPR Plurilingüe Manuela Rial Mouzo da localidade de Cee. Nesta ocasión, o grupo estaba formado polos pequenos de 1º, 2º e 3º de educación infantil, con idades comprendidas entre os 3 e os 5 anos. Este grupo, moi heteroxéneo, contaba con trinta alumnos e alumnas que viñan por primeira vez a coñecer o museo e que estaban acompañados polos seus titores José María Canosa e Vinicio Mejuto, quen tamén exercía como representante do centro docente e organizador da “excursión” ao museo.
Despois de visitar a exposición de murais no exterior do centro cultural e visionar os vídeos correspondentes, deu comezo o itinerario pola Sala I, dedicada ao xogo e deporte tradicional, cunha duración aproximada dunha hora e media. A continuación, tras un breve “tentempié”, proseguiu a visita pola Sala II, con xogos adaptados ás súas idades, que se prolongou durante outra hora e media. Entre as dúas salas, a xornada museística alcanzou máis de tres horas de duración, que os pequenos disfrutaron a tope. Foi un grupo moi participativo e atento ás explicacións do guía do MELGA. Ao final da visita, cóntanos Ricardo Pérez y Verdes que varios nenos e nenas se achegaron para comentarlle: “Ricardo, pasámolo moi ben, mellor… o seguinte, fenomenal!”
Como nota destacada da xornada lúdica, debemos mencionar que o CPR Plurilingüe Manuela Rial Mouzo de Cée pecha as visitas guiadas deste espléndido ano 2024. Ademais, tivemos a honra de cantar o “Cumpreanos Feliz” a Daniela Mouzo, que celebraba os seus 10 anos, e proclamar como campioa da visita a Lucía Rodríguez, de 9 anos. En canto a bater algunha marca nalgún xogo, aínda que estiveron a piques de conseguilo, finalmente non lograron superala.
Aínda que o balance final se fará ao peche deste mes de decembro, podemos adiantar que este ano 2024 será, con toda probabilidade, un dos mellores anos en número de visitantes, tanto en grupos escolares, asociacións, universitarios e clubs, como en visitas por conta propia. Isto resulta especialmente destacable tendo en conta que, durante a semana (de luns a venres), o museo permaneceu pechado por falta de persoal.
Pola nosa banda, estamos amplamente satisfeitos e, sen dúbida, moi orgullosos de que tantas persoas coñezan este pequeno, modesto e orixinal museo que é o MELGA, situado no concello de Ponteceso.
Felices Lúdicas Festas! Que o vindeiro ano 2025 sexa extraordinario para todos!
Leave A Comment