Hai uns días, o venres pasado día 07 de decembro, a xornalista de “La Voz de Galicia” Patricia Branco, no suplemento da edición de Carballo (páx. L2), publicou un pequeno opúsculo sobre o Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA), facendo referencia ás exposicións de peonzas levadas a cabo polo museo, das persoas que o dirixen, do xogo tradicional, das máquinas e outros puntos de vista da sociedade.
En vista das varias peticións que nos chegaron de diferentes amantes do mundo lúdico de Galicia, ao non ter a oportunidade de poder lelo o día da súa emisión, non nos quedou mais remedio que trascribirlo integramente, pola importancia do mesmo, polo trato exquisito recibido por este medio de comunicación e no seu tratamento amable, seguramente sen merecelo, da excelente xornalista que o transmite.
“A substitución do ser humano polas máquinas non é un asunto novo e xa no seu día tivo protagonizado algunha que outra revolta, por chamalo así. Semella ás veces que elas gañaron a batalla, en produtividade, talvez, ou en pouco queixarse, ben seguro. Un é un número dunha pantalla na sucursal bancaria ou tamén en salas de espera onde o que menos se querería é ser iso, precisamente unha cifra, unha estatística, parte dunha porcentaxe que ás veces se usa para dar esperanzas cando todo parece que se derruba. En grandes cadeas de roupa uno xa se cobra a si mesmo e ocorre tamén noutras superficies onde un ser humano ha de contar despois que o número que pon a máquina sexa o correcto. Que ironía, porque parece dubidoso o adianto. En fin. Con todo, aínda quero crer que é o ser humano o responsable de que as cousas vaian rotundamente mal ou rotundamente ben. A implicación persoal, o facer dun proxecto algo vital non é cuestión que estea ao alcance dos monitores.
Nunca unha terminal podería comunicar como o fai o xerente do Museo Etnolúdico de Ponteceso, o MELGA, o ben que foron as exposicións “O peón nas Belas Artes” e as “ Buxainas do mundo”, clausuradas o pasado luns. Ata 651 visitas contou Ricardo Pérez e Verdes, máis que as do ano anterior: particulares, asociacións e centros escolares. As dúas aumentaron. A primeira, colección privada súa, en 52 incorporacións sobre pinturas históricas diferentes etapas, sobresaíndo as dos século XVIII e XIX e algunhas de civilizacións asiáticas. A segunda, de Charo Español e Ángeles Lence, en 80 pezas, moitas de América e outras tuneadas. “É unha proba evidente de que estamos a consolidar, ano tras ano, estas exposicións que son un acicate máis para celebrar o San Martín, patrón de todos os “ peonceros” conta Pérez e Verdes. Lendo o seu comunicado, un parece oílo exultante comunicando que conseguiron para o ano a incorporación de Luís Ramas, quen comprometeu a súa colección privada para engrosar a exposición. Queren chegar aos mil “artefactos ” e alcanzar o récord. Concello, Deputación, Patrimonio Lúdico e Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais colaboraron para que Ponteceso fose o centro neurálxico do “Día de Galicia do Pon en movemento o teu peonza”.- Festipopeóns tivo como mascota a “ Buxainziño”.
Quizais o entusiasmo que pon Pérez e Verdes cando guía as visitas explica por que hai grupos que repiten no seu museo, como tamén pasa no da Pesca de Fisterra con Alexandre Nerium. Ningunha máquina podería esbozar o sorriso que el pon cando deixa ao visitante pampo. Quizais haxa futuro humano.”
Leave A Comment