Esta semana que finaliza do presente mes de xuño-22, o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) de Ponteceso, foi en diferentes vertentes dos medios de comunicación, foco importante tanto da prensa escrita, na radio e a televisión.
Na prensa escrita, o noso museo estivo diariamente presente en todos os medios de comunicación da provincia da Coruña (Carballo, A Coruña e Santiago de Compostela), informando puntualmente e divulgando sobre o traballo realizado, coas dez visitas guiadas, que se desenvolveron no mesmo, algúns días con sesións dobres e triplas.
En canto á prensa oral, é dicir, na radio, tamén fomos protagonistas xa que o noso director Ricardo Pérez e Verdes, estivo no programa ECO Voz: Voces de Bergantiños, no cal Fran Rodríguez, presentador do magazine matinal, debullou temas tan actuais do MELGA como as actividades lúdicas inmediatas, horarios, perspectivas futuras, etc. e como punto central da conversación o I Concurso Exhibición da Chave Galega a desenvolver esta fin de semana no campo de xogo exterior de herba do Centro Cultural do municipio, onde se dilucirán os mellores “ llavistas” de Galicia, nas modalidades de chave ferrolá e coruñesa/santiaguesa, por equipos e por parellas.
E finalmente, nos medios audiovisuais, a televisión galega (TVG) o xoves día 09 de xuño, as cámaras da entidade televisiva, desprazáronse toda a tarde a Ponteceso para realizar unha reportaxe sobre o MELGA, entrevistando o creador e fundador do museo, por parte do produtor e xornalista Breogán Riveiro para o programa “Unha proposición moi decente”, cuxo contido era o coleccionismo e os museos un tanto orixinais, como o noso.
Desde estas páxinas, a Fundación Ricardo Pérez e Verdes e o Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA), desexamos volver ter, non nos cansaremos diso, unhas palabras de agradecemento a todos estes ” mass media”, que durante anos (case dez), lévannos dando o seu apoio e colaboración, para que as nosas entidades sexan “ re-coñecidas” en todos os recunchos do mundo. Gratitude a La Voz de Galicia, O Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Radio Voz, Cadea Ser, TVG, produtoras audiovisuais, redes sociais, xornalistas, cámaras, etc., etc., por dar a coñecer o incalculable Patrimonio Lúdico, Cultural e Inmaterial da nosa terra galega.
Leave A Comment