Exitazo na última concentración da tempada do Clube 600 de Galicia en Ponteceso

Co lema de “Turismo, cultura e gastronomía” o Club SEAT 600 de Galicia, recalou onte domingo no Centro Cultural de Ponteceso, sede do MELGA ( Museo Etnolúdico de Galicia), para realizar a última concentración deste ano 2018. Despois de percorrer as contornas dos municipios de Malpica, Arteixo, A Laracha e Ponteceso, na súa faceta turística recreándose nas paisaxes, pobos e monumentos da zona, sobre as 11,30 da mañá, 42 “seiscentos”, coñecidos tamén como “ Seillas”, “ Seitas” ou “ Pelotillas” e con preto dun centenar de pilotos e acompañantes, estacionaron no aparcadoiro do Centro Cultural ( MELGA) facendo un “arco iris” de cores (verdes, amarelos, brancos, azuis, etc.) nun perfecto semicírculo multicolor coas súas carrocerías impolutas e relucentes coidadas ao máximo polos seus propietarios. Os concentrados neste día procedían de Lugo, Pontevedra, Santiago, Ferrol, Arteixo, Ordenes, Betanzos, Oleiros e A Coruña. Foi unha gran pena, que non contamos con ningún participante de Ponteceso, aínda que estamos seguros, que algún “ seilla” existe na nosa zona.

Despois de captar as imaxes de rigor por todos os participantes diante do museo, o grupo foi recibido polo director do Museo Ricardo Pérez e Verdes que os introduciu á visita guiada ás instalacións museísticas. Como o horario da xornada estaba case milimetrada, só dispúxose de dúas horas de visita polas dúas salas do museo, suficiente tempo para realizar preguntas, respostas e práctica dalgúns dos xogos tradicionais presentados. Excelente actitude de todos os compoñentes da asociación deportiva, xa que tanto nenos e nenas, novas, adultos e persoas maiores involucráronse nas probas, ata chegar nalgún momento ao reto ou aposta lúdica. Seguidamente todos os participantes, dirixidos polo guía, subiron ao primeiro piso do centro cultural para presenciar na sala de conferencias, as dúas exposicións que se manteñen nestes momentos sobre “O peón e as Belas Artes” e “O peón no mundo”. Durante a sesión tivo a xentileza de acompañarnos o alcalde de Ponteceso Lois G. Carballido, quen aproveitou para darlles a benvida a todos e o agradecemento por ter a honra de seleccionar o concello de Ponteceso para realizar esta primeira concentración galega. A parte cultural da concentración estaba tamén cuberta.

 

Exitazo na última concentración da tempada do Clube 600 de Galicia en Ponteceso

 

A expedición de seiscentos, despois de deixar o Centro Cultural ( MELGA), dirixiuse á praza do Recheo de Ponteceso, onde se aparcaron os vehículos, para o goce e observación de todos os veciños pontecesanos. Expostos estes, baixo a cuberta da praza, os condutores e acompañantes realizaron unha observación exterior da casa de Eduardo Pondal, patearon as rúas de Ponteceso, A Trabe, parándose a degustar os famosos e incribles petiscos e aperitivos dos locais hostaleiros do camiño cara a Anllóns. A terceira fase, a gastronómica ía finalizar no restaurante “A Pesqueira” do noso chef Pablo Branco, que deleitou a todos os comensais cun menú exquisito caldo e cocido galego, filloas elaboradas de diferentes maneiras e café de pota. O costume da asociación automobilística ten por costume, desde hai moitos anos, finalizar a tempada cun cocido como prato “estrela”.

Durante a sobremesa, todos os asistentes foron obsequiados por parte do concello de Ponteceso cunha bolsa con diferentes obxectos publicitarios da zona e a Fundación/ MELGA entregou, aos membros da Xunta Directiva, xa que o seu presidente Luís Chantrero, non puido asistir á xornada por problemas puntuais de saúde, unha placa conmemorativa da súa visita ao noso museo. Pola súa banda, en reciprocidade pola atención demostrada, o Club 600 de Galicia entregou ao Director do museo, como non podía ser doutra maneira, unha réplica en miniatura dun precioso SEAT 600 nunha talla de cristal.

Despois do intercambio de agasallos, sorteo de elementos vinícolas e alimenticios, sobre as 18,00 h. recolléronse os valiosos diminutos “cochecitos” da praza do Recheo, desfilaron en caravana polas rúas de Ponteceso e cada un seleccionou a dirección da súa respectiva residencia.

Espectacular e exitosa xornada, que sen dúbida estamos xa esperando para o 2019, xa que o compromiso dado por parte da maioría dos visitantes, uns para repetir e outros para vir por primeira vez, pois o motivo da ausencia nesta ocasión, non foi outra que as abundantes choivas do día anterior, polo cal refugaran o desprazamento.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.