Gran xornada festiva e emotiva no Melga coa Asociación Aspadeza de Pontevedra

En menos dunha semana recibimos no MELGA a outro grupo da provincia de Pontevedra. O venres 21, recibimos ao concello de Meaño e onte mércores día 26, visitáronnos unha corentena de persoas do concello de Vilanova-Lalín, a Asociación de Pais ASPADEZA. Os asociados que se desprazaron ao concello de Ponteceso para realizar unha visita guiada ao Museo Etnolúdico de Galicia foron en total unha trintena e todos eles estiveron acompañados polos once monitores acompañantes Juan Ramos, Beatriz Branco, Coral Álvarez, Teresa Sestelo, Sandra Taboada, Rosi Branco, Sara Pérez, Mª Dolores Mendoza e Ángeles Baldonedo, que era a xefa da expedición, que os acompañaron en todo momento axudando nas súas necesidades físicas máis necesarias e colaborando permanentemente no desenvolvemento de todas as practícas alí programadas. Aínda que a súa programación era permanecer no museo como máximo unha hora e media e vendo a gran disposición, emoción e ilusión dos participantes, a visita alongouse máis de dúas horas e media de actividade teórico-físico-lúdico-festiva.

Unha experiencia inesquecible e formidable, onde a alegría, a diversión e o entretemento estiveron presente durante todo o percorrido efectuado polas salas do recinto do museo, guiados pola voz do seu director Ricardo Pérez e Verdes. Inmenso interese de todos os compoñentes do grupo, tanto na participación e entusiasmo, sobre todo para realizar e probar nalgúns xogos, como ata chegar a competir entre o guía, os profesores e os asociados. Como cabe supoñer, todos os xogos eran adaptados ás súas disfuncións tanto intelectuais, como de mobilidade, destacando a máxima superación deles mesmos nalgúns das diversións propostas. Un grupo extraordinario na súa aptitude (segundo as súas condicións e calidades) e actitude (ganas de gozar e recrearse). Todos sen excepción, profesores e asociados, ao final da visita, transmitiron o seu insistente interese en volver pronto de novo ao MELGA, con máis tempo dispoñible, xa que o pasaban “fenomenal”, aínda sabendo que quedaban case dúas horas de autobús para chegar ao seu destino pontevedrés.

Como nota destacable temos que citar que o matrimonio Jose Manuel Álvarez, a súa esposa Mariché Jimenez e a súa filla Alicia, turistas temporais en Ponteceso, da cidade de Sevilla, decidiron incorporarse ao grupo como uns máis, gozando e participando da mesma visita guiada organizada. Jose Manuel, comentounos, que na actualidade era membro da Asociación de Automóbiles Clásicos da comunidade autónoma de Andalucía e gran coleccionista de coches antigos en miniatura.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.