Outro ano máis, ás 17,00 h. da tarde do sábado da Barquiña, no Campo dá Feira, déronse cita, na súa terceira edición todos os amantes das “carretas, carros e carrilanas de madeira” (transportes lúdicos terrestres), da zona bergantiñá do concello de Ponteceso.
Cunha participación importante (40 concursantes) e moitos espectadores, a “baixada” foi, como todos os anos un gran éxito e este ano inmellorable, pola espléndida e asollada tarde que nos deparou a climatoloxía, diferente ao ano anterior con tivemos que sufrir unha choiva incesante e non pudendo finiquitar algunhas probas de resistencia programadas.
A primeira proba individual realizada foi para as “carretas” (bicicletas de madeira), típicas e exclusivas de Ponteceso. Na saída contamos con 12 competidores. Verificáronse varias series de baixadas (5 en total) e sumados os tempos correspondentes obtivéronse os vencedores absolutos. Alfredo Jose García (Tella-Ponteceso) foi o campión; o subcampión obtívoo Alfonso García (Carballo) e o terceiro clasificado foi para Jose Manuel Couto (Bugalleira-Ponteceso).
As “carrilanas” por parellas foi a segunda proba puntuable, sendo os que obtiveron os tres primeiros premios maiores, os irmáns Adrián e Lucía (Ponteceso) como campións; Aarón e Nicolás (Ponteceso) como subcampións e terceiros clasificados Brais e Sergio (Ponteceso). Na raia de partida estaban presentes 18 parellas.
E finalmente o terceiro descenso, a máis espectacular, foi a baixada de “carros ou coches” (modelo único do mundo e orixinal de Ponteceso) con catro compoñentes cada equipo. Os equipos para competir foron nun total de 10. O equipo vencedor estaba composto por Sergio, Brais, Patricia e Nerea que obtiveron o primeiro posto e campión; Daniela, Brais, Alvaro e Darío foron os subcampións e Lara, Mariña, Ricardo e Sergio os terceiros clasificados.
Rematadas todas as probas, os trofeos foron entregados polo rexedor do concello de Ponteceso Lois García Carballido que estivo presente como espectador durante o case tres horas que durou a sesión lúdica.
É importante continuar con esta actividade tradicional e moi popular en Ponteceso, xa que das tres probas realizadas, dous delas son orixinais da nosa pequena Ponteceso (as carretas e os carros), xa que as carrilanas están en toda Galicia, tentando por parte da organización do MELGA e a Fundación Ricardo Pérez e Verdes, promocionar e divulgar a pureza dun xogo tan presente na vida cotiá dos nenos/as, novos e adultos desde hai moitísimos anos. Esperamos que o ano entrante (2017) sigamos “in crescendo” na participación, por suposto en espectadores e contemos con moitos mais participantes doutras zonas da provincia e de Galicia, para lograr ano a ano un novo record, que este ano foi ao redor dun centenar de inscritos.
Leave A Comment