No día de onte sábado día 17 do presente mes de xullo, ás 12,00 h. da mañá, deuse inicio aos actos correspondentes á Exposición ao aire libre da colección “Os xogos e deportes tradicionais nos Murais de Azulexo” no campo exterior de xogos do Centro Cultural de Ponteceso, onde se atopa o Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA).
En todo momento respectando os requisitos sanitarios gobernamentais, sobre distancia física e máscara, a xornada deu comezo na súa hora xusta e prevista, amenizada cos acordes do quinteto de gaiteiros “ Inllar” do Couto-Ponteceso, interpretando música da terra.
En primeiro lugar tomou a palabra o presidente e director respectivamente da Fundación Ricardo Pérez e Verdes e do MELGA, que como comisario da exposición, tivo a ben agradecer a todos os asistentes a súa presenza, a Óbra socio-cultural Subministracións LAR de Cée, ao Concello de Ponteceso e a todos os que traballaron incansablemente para que dita exposición fose unha realidade. Ademais referiuse ao proceso de elaboración do proxecto, da selección do noso pobo pontecesano, como referencia dunha obra magnífica coa temática sobre os xogos populares así como os grupos participantes, das votacións para conceder os premios aos mesmos, os lugares de privilexio seleccionados para realizar as exposición ao aire libre: Cee, Finisterre, Sanxenxo, Carnota, Corcubión, Ézaro, Camariñas e Ponteceso. Tamén relacionou os centros participantes: Ramón Caamaño de Muxía, Terra de Soneira de Vimianzo, Fernando Blanco de Cee, Maximino Romero de Lema de Baio, Praia Barraña de Boiro, Manuel Rial de Cee, Agra de Raices de Cee, Lamas de Castelo de Carnota, Asociación APEM e Asociación Aspadez, ambos de Cee, con alumnos/ as con disfuncións físicas e funcionais e polo IES. Eduardo Pondal de Ponteceso.
A continuación, Ricardo Pérez e Verdes, deulle a palabra a Tatiana Rodríguez xerente da Obra Sociocultural Subministracións LAR, en substitución de Gonzalo Rodríguez pai e director xeral da empresa e mecenas do devandito evento e proxecto, que nos falou do labor que desenvolven desde fai dezaseis anos, a súa empresa e os centros escolares da Costa da Morte, en canto á formación de alumnos e alumnas na materia do azulexo, confeccionando estes magníficos murais para a súa exposición en diferentes lugares e pobos de Galicia. Informou tamén sobre a localización desta IV Edición en Ponteceso, do MELGA, dos xogos e deportes tradicionais, dos 25.000 alumnos que pasaron polas súas aulas de formación, das 500.000 pezas colocadas, dos 56.000 quilos de formigón empregados, dos 2.000 participantes, 10,000.000 de fotografías realizadas, etc.. É dicir, promover a cultura, a arte e a integración a través do azulexo entre mozos.
Seguidamente, como o protocolo esixe, Ricardo Pérez cedeu a palabra ao alcalde de Ponteceso Lois García Carballido, que agradeceu a todos os que fixeron posible este magno acontecemento (Obra sociocultural LAREIRA, ao MELGA), aos beneficios que carrexarán coas achegas e repercusións do mesmo traerá tanto no turístico, gastronómico ou cultural para o concello de Ponteceso con esta exposición e finalmente deu por Inaugurada oficialmente a devandita Exposición.
Inmediatamente pasouse a descubrir os once murais expostos situados no campo exterior do Centro Cultural, ao son do Himno Gallego, interpretado maxistralmente polo grupo folclórico pontecesán. Todos os asistentes coas súas papeletas en man, revisaron detidamente todos os paneis e exerceron “in situ” as votacións dos tres primeiros premios do concurso, aínda que todos fosen merecedores deles, depositando os seus votos na urna para tal efecto. Por suposto as votacións poderán seguir exercéndose ata que remate a exposición, alá polo mes de outubro do presente ano-21. De aí sairá a valoración final do público en xeral. As obras corresponden á IV edición do ano 2010-2011 e é a súa primeira vez que se expoñen ao público en xeral en Galicia. Despois de 10 anos de enclaustramiento saen á luz e moitos dos nenos e nenas que os confeccionaron, xa son home e mulleres en idade adulta.
Para rematar a sesión matinal, nun día esplendoroso de verán, todos os asistentes foron convidados pola organización, a tomar un “ vinito galego” cos “ pinchitos” correspondentes, mentres a festa continuou cun fondo de música típica da nosa terra. Sobre as 14,00 h. deuse por finiquitado o acto inaugural da Exposición ao aire libre de “Os xogos e Deportes Tradicionais nos Murais de Azulexo” en Ponteceso.
Como anécdota destacable é que, moitos dos visitantes que se achegaron ás nosas instalacións museísticas, para realizar unha visita ao MELGA, na súa modalidade libre, uníronse á festa participando activamente de todas as actividades programadas. Soamente debemos anotar como parte negativa, a correspondente á práctica dalgúns xogos galegos planificada para a ocasión, pero que non se puido levar a cabo por falta de nenos/ as e pola calor existente.
Sen dúbida, aínda coa pouca asistencia de público ao acto, aínda que o aforo estivo ao completo con por as medidas pandémicas, a sesión foi un rotundo éxito, tanto na organización como no obxectivo proposto que se pretendía con este evento cultural. Outro activo e atractivo mais para o noso concello de Ponteceso, que esperemos saiba darlles, a debida promoción e difusión que se merece, para que todas aqueles turistas, grupos ou familias que visiten o municipio, tanto do interior como do exterior do noso país, poidan saborear a arte na rúa, como é a nosa pretensión.
Por parte do Concello de Ponteceso, a Obra Sociocultural de Sumisitros LAREIRA-Cee, a Fundación Ricardo Pérez e Verdes e o Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA), desexamos agradecerlles de novo a todos, a súa participación, colaboración e interese pola xornada e esperamos que sexan moitos os visitantes que teñan a oportunidade de admirar unhas obras dun valor artístico e beleza excepcional, única cita en Galicia e que estará presencialmente ata o 3 de outubro do presente ano, que clausuremos dita exposición. Non perdan a oportunidade de visitarnos, tanto o museo como a exposición! Non sairán defraudados!
Non se esquezan que aínda queda aberto o prazo do “Concurso de Fotografías sobre os murais” ata o 31 de xullo de 2021, para presentar as súas dúas obras como máximo, de todos os afeccionados ou profesionais a reportaxes gráficas sobre esta materia. Para solicitar maior información, contactar en info@museomelga.com ou chamando ao teléfono do Centro Cultural 981. 71.54.42 en horarios de mañá e tarde.
Leave A Comment