Este luns 18 do presente mes de febreiro, mais de cincuenta nenos de terceiro de primaria (8 anos) do colexio privado Fillas de Jesús, coñecidas como as Jesuitinas da Coruña, arribaron ao MELGA de Ponteceso para realizar unha visita guiada en xornada matinal. Os alumnos/ as viñeron acompañados polos seus profesores- titores Paula Caridi e Cibrán Carballás.
Esta primeira visita guiada do centro docente, non deu para moito xa que apenas tiveron unha hora e media de percorrido museístico, pois programaran varias actividades e para que lles dese tempo á súa totalidade, acoutaron os tempos tirando sempre á baixa. Para todos foi moi apurada a visita, aínda que moi proveitosa, tanto en intensidade como participación. Soamente deu tempo a escoitar as explicacións do guía e á práctica e talleres de entretementos, xogos con animais, laborais, de forza, loita e empuxe da primeira sala do museo.
A alegría e goce do realizado foi inmensamente moi satisfactorio. Por iso, acordaron que proximamente, visitaríannos de novo, pero iso si, en xornada completa (mañá e tarde), e en exclusiva sen ningunha outra actividade complementaria.
Leave A Comment