Aínda con choiva e moito vento, celebrouse este fin de semana o I Festival de Xogos e Deportes Tradicionais Galegos, nas instalacións chaira exterior da Asociación Monte Branco do Couto-Ponteceso, con motivo da celebración das festas en honra do Santísimo Sacramento. Algúns pais, nais, avós/ as e nenos da aldea, puideron gozar dunha vintena de xogos, aínda que algúns se tiveron que retirar debido ao incesante vento reinante e polo tanto, foron en menor cantidade os asistentes dos previstos, debido ás devanditas inclemencias meteorolóxicas.
A organización da xornada estivo en mans da Fundación Ricardo Pérez e Verdes, O MELGA, a Asociación Monte Branco e a Fundación Eduardo Pondal e a mesma estivo patrocinada polo concello de Ponteceso e a súa concellería de Patrimonio, Biblioteca, Política Lingüística e Educación, dirixida por Carlos Penedo e como non, colaboraron varias empresas do municipio no evento.
Todos os participantes puideron comprobar e practicar con intensidade, máis de tres horas, algúns dos xogos novos que se presentaron como a loita de corda; o cravo; os birlos de derriba; o robaterrenos; etc. e os xogos de taboleiro galegos o universo; o pai, nai e fillo; o ambocabolas; o dominou de cores; etc…
Unha xornada que a organización pensa repetir o ano próximo pola boa acollida, aínda que non tan numerosa como a organización pretendía que fose. Pódese comentar que tanto os xogos de exterior como os de taboleiro, tiveron unha aceptación parella tanto para nenos como para adultos. Gran encontro interxeneracional!
Leave A Comment