Como vén ocorrendo nestes últimos anos, a excepción ao correspondente á pandemia (2020), o campamento da Fundación Eduardo Pondal, dentro do seu programa de «Un país de pintores e poetas», visítanos na súa cita puntual estival, o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), situado no concello de Ponteceso.
Onte mércores día 12 de agosto, sobre as 17:30 realizaron, da man do noso director, unha visita guiada ás salas expositivas do museo. O grupo compoñíano 12 campistas procedentes das catro provincias da nosa Comunidade Autónoma, en idades comprendidas entre os 9 e 13 anos. A maioría dos asistentes, foran seleccionados pola Xunta de Galicia, predominaron nesta sesión o xénero feminino, xa que soamente foron 2 os representantes do xénero masculino. Todos eles viñan acompañados polo director de campamento Rafael Quintiá e os seus monitores Pilar Silva e Sergio Aguiar.
A sesión tivo aproximadamente unha duración de dúas horas e media. Ao ser un grupo reducido, todos os asistentes participaron con moito entusiasmo e interese, tanto na parte teórica e por descontado na parte práctica, repetindo nalgunha ocasión o mesmo xogo varias veces.
Un grupo moi participativo e entusiasta, onde a competitividade saía á boia en cada momento. Durante a visita guiada, o MELGA seguiu recibindo visitas particulares ou de forma libre, por momentos as dúas salas estaban ao completo e ata se tivo que proceder, nalgún instante, ao «númerus clausus».
Leave A Comment