O Colexio Andaina de A Coruña pechou as súas visitas ao Melga por este ano escolar 2021

Por sétima vez neste curso escolar pandémico, nada máis nin nada menos, o colexio privado coruñés CPR Andaina Sociedade Cooperativa Galega visitounos por última vez onte, venres día 04 do presente mes de xuño, en xornada matinal de 10,30 h a 14,00 h. cunha vintena de alumnos e alumnas de 5º A de primaria. Todos os discentes contaban 11 anos de idade e viñan acompañados dos seus titores Montse González e Xoán Carlos Martínez, que exercía de coordinador da actividade.

Por tal motivo, o CPR Andaina da Coruña, bate o record de visitas nun ano de todos os centros escolares da provincia coruñesa, que nos visitaron durante estes sete últimos anos. Tiveron a ben en participar das visitas guiadas, por aulas ou clases, todos os alumnos e alumnas do centro, desde terceiro de educación infantil (5 anos) ata os de sexto de primaria (11 anos).

 

Houbo dúas razóns fundamentais para a súa ampla participación no MELGA. En primeiro lugar, segundo comentaban os seus diversos profesores/ as, era a trasmisión mimética, tanto dos docentes como discentes, parece ser que lles gustaba tanto a visita, que se transmitían dun grupo a outro a asistencia cada semana e non querían perderse a mesma. E a segunda cuestión era que, ao contar na súa programación anual, o estudo da etapa da Idade Media, como suplemento ao seu saber, profundasen monográficamente sobre os xogos do medioevo.

 

Mais de tres horas e media durou a visita polas dúas salas do museo, recibindo instrucións e coñecementos do guía e practicando os diversos xogos tradicionais aplicativos que a organización expuxo para tal ocasión. A gañadora da visita (co maior número de preguntas acertadas durante a visita), o premio da colección de peonzas, buxainas, perinolas e perindolas recaeu na alumna de 11 anos Laura Fente. Aínda que o tentaron con todas as súas forzas non bateron ningunha marca nin grupal, nin individual.

Finalmente os profesores asistentes á sesión, comunicáronnos que xa estaban a preparar as visitas guiadas do próximo ano 2022, pero os grupos seleccionados serían os do ciclo que corresponde ao ensino secundario de 1º a 4º da ESO e veríase a posibilidade de amplialo a 1º e 2º de bacharelato. Estamos plenamente orgullosos e satisfeitos que moitos centros, como o presente, confíen os seus alumnos en nós e sexan os mesmos, os trasmisores e portavoces, do coñecemento deste lugar de cultura e recreación, que dispoñemos en Ponteceso, co MELGA. Esta fórmula deseñada de visitas guiadas con poucos membros, por motivos de pandemia, consideramos que foi un rotundo éxito, que posiblemente, establezámolo para o futuro vindeiro.

 

A continuación da visita guiada, o grupo desprazouse ao Monte Blanco e xantaron no Piñeiral de Balarés. Sobre as 16,00 h. partiron para A Coruña. Outra sesión exitosa mais que nos debemos apuntar no noso haber.

 

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.