O sábado pasado día 5 de outubro, en xornada vespertina de 17,00 h. a 20,00 h. o Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA) e a Fundación Ricardo Pérez e Verdes, foron convidados por primeira vez a organizar un Festival de Xogos e Deportes Tradicionais Galegos na parroquia do Isto do concello de Cabana de Bergantiños, con motivo da celebración das Festas patronais de San Ramón, que tiveron que ser aprazadas polo repentino falecemento dunha veciña de 102 anos, Clarisa González García e que a Comisión de Festas tivo a ben o desprazar dita data para esta fin de semana
Aínda antes da hora de inicio do festival lúdico, os nenos, novos e adultos da parroquia e os seus arredores, xa se apiñaban ao redor de todos os xogos alí presentados. Foron preto de 25 xogos e deportes tradicionais de Galicia, onde grupos familiares gozaron ao mesmo tempo de xogos descoñecidos e algúns por suposto máis coñecidos.
Unha xornada popular e tradicional masiva, tanto en participantes como espectadores, que fixeron gozar dunha tarde espléndida, tanto no motriz como no festivo. Nesta ocasión a sesión práctica foi levada a cabo polas profesoras Laura Romar e Rita Chouciño, especialistas en xogos e deportes tradicionais en idade escolar. Os xogos foron distribuídos nos terreos de herba da antiga escola unitaria existente no Isto, hoxe en día clausurada por falta de alumnado. Un lugar magnífico e espectacular, para o goce das nosas xentes do mundo rural.
Un sábado completo para o MELGA e a Fundación, pola mañá visita guiada dun grupo dos Maristas da Coruña e pola tarde Festival de Xogos e Deportes Tradicionais Galegos.
Leave A Comment