O historiador José Antonio Guiadás leeu o seu manifesto do Día do Peón no Melga

O profesor/historiador do IES. de Ponteceso Luís Antonio Giadás Vázquez, no día de onte na sala de conferencias e exposicións do Centro Cultural/ MELGA, leu para un nutrido número de asistentes ao acto, do Manifesto do Día do Peón en Galicia, con motivo de celebrarse o VII Festipopeóns de Ponteceso. O documento foi redactado polo docente co título de “Poemas sobre a Buxaina”. Debido á gran solicitude de peticións que nos chegaron á Fundación solicitándonos o texto, a continuación transcribimos integramente o mesmo, para que se poida ler e deleitar por todos os alumnos e profesores de Galicia, nos seus respectivos centros docente, para festexar devandito magno acontecemento.

 

MANIFESTO DO VII FESTIPOPEÓNS 2018

 

“POEMAS SOBRE A BUXAINA”

                                           

                                      por: LUÍS ANTONIO GIÁDAS ÁLVAREZ

 

Bos días a todos.

En primeiro lugar, permitídeme que agradeza a Ricardo, no nome do Museo Etnolúdico de Galicia e da Fundación Ricardo Pérez y Verdes, a oportunidade de estar aquí, con todos vós, para ler este Manifesto que abre o VII Festipopeóns, neste San Martiño do ano 2018.

Repito: agradezo que me convidara a lervos un manifesto sobre o peón porque se o que pretendera Ricardo fora unha demostración miña de como baila o peón na miña man, pois … mal comezabamos! De seguro que o pobre peón quedaba morto no intento ou ía parar, escaleiras abaixo, ata a Galescola. Ben sabe Ricardo das miñas habilidades manuais e deportivas, que para iso padeceume coma profesor, aló na era na que non existía ni tan siquera Decatlón e que tódolos chándales eran azul mariño, coma se fósemos gardamariñas de Marín, e tódolos tenis eran branco nuclear e de unha soa marca e non existían distincións entre calzado para trekking, running, footing ou jogging.

Así pois, vou enfocar o presente Manifesto no terreo que piso menos resbaladizo: o da palabra, que para iso levo máis de trinta anos garlando por la mui ós sufridos escolantes.

O outono trae os seus froitos, como a primavera: noces, castañas, avelás, amoras, frambuesas, arandos, kiwis, peras, mazáns, granadas, caquis, marmelo, uvas ou figos. Mais tamén trae os peóns polo San Martiño de Tours – o caritativo xinete romano que compartira a capa co Cristo disfrazado de mendigo – e daí: “Polo San Martiño, trompos ao camiño”. Do 11 de novembro ó 15 de xaneiro, en tódalas aldeas amarrábanse as piolas ás barrigas dos trompos para ceibalas de golpe e desafiar a ver quen era capaz de facer bailar peóns e buxainas o maior tempo posible.

Pero, ademais, o peón converterase en materia literaria – coma as flores, os paxaros ou os astros do firmamento –  no que os poetas emborcan os seus sentimentos, e, para mostra do que digo, tráiovos algún exemplos.

Para o atormentado Charles Pierre Baudelaire, o peón simboliza o desacougo vital que nos consome, na súa obra “A viaxe”:

 

Imitamos ¡horror! ó peón e á pelota
No seu vals e nos seus saltos; ata nos nosos soños
a Curiosidade atorméntanos e envólvenos,
Coma un Ánxo cruel que fustigará soles.

¡Singular fortuna na que o final  desprázase,
e non estando en parte algunha, pode  estar non importa onde!
¡Onde  o Home, que xamais a esperanza abandona,
Para atopar o repouso curto corre sempre coma un tolo!

A ritmo de vals si que escrebe Alain Hannecart pero de vals alegre e xoguetón e non existencialista coma o devandito autor de “As flores do mal”:

Ti tornas e viras,

actriz dun curto momento

e manteñes o teu equilibrio

en movemento.

Coma o corazón humano,

ti mancácheste no camiño

E ti partes mañán

Nun xiro da man.

Nun mundo sen parola,

ti asobías e cantas.

E a túa vida

é unha pelota,

que morre sobre unha ola,

coma un fermoso paxaro branco

atrapado na súa cabriola.

Mais permitídeme rematar este Manifesto poético/peonético cunha metáfora de Erwan Le Faucheur, que equipara a buxaina, perinola, perindola, peóns e trompos co… non volo digo, con quen … xa o entederedes na derradeira liña e xa vos decataredes por que deixo estes versos para o final:

 

O peón torna á vida

Sobre os posibles infinitos de asombrarse.

 

Xira sen vacilar a tódolos seus desexos

Dalgúns amigos sexa as súas fráxiles sinceridades.

 

El non cesa xamais o seu volteo encantado

Para facerte compartir a súa humanidade innata.

 

Moita angustia, peón amado, pero as gotas

desécanse cun vento de estío sobre a dúbida.

 

O corazón do peón é a inmensidade das maravillas:

Cando o seu humor escintilea, acaba por borra-lo sol.

 

O espírito do peón é a simplicidade

Curiosa.

 

Como eu te amo, en parte!

Como eu te amo, o meu peón  … a miña filla!

 

Moitas grazas pola vosa atención e… comezade xa a amarrar as piolas e que dancen xa os peóns!

 

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.