O Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), coas súas actuacións, internamente como externamente, segue ampliando as súas actividades de promoción e divulgación do xogo e o deporte tradicional de Galicia a todos os niveis da sociedade galega.
Hoxe sábado día 28 do presente mes de xaneiro tivemos a proba diso, xa que a sesión lúdica desenvolveuse nas magníficas instalacións da Sociedade Deportiva “O´Salgueiro”, da localidade de Paderne/Betanzos (A Coruña) para celebrar un multitudinario cumpreanos.
Os homenaxeados foron os irmáns Pablo e Xana Pérez, que alcanzaban os seus 8 e 6 anos de idade respectivamente. Máis dun centenar de invitados déronse cita en dita onomástica, entre os que se atopaban todos os seus amigos dos clubs deportivos (Santa Cruz de Oleiros de Fútbol e a Escola de danza da Coruña) aos que pertencen; dos seus compañeiros dos centros escolares (CEIP. Francisco Vales Villamarín de Betanzos), acompañados dos seus respetivos pais e nais e algún que outros avós maternos ou paternos. Os anfitrións da devandita festa de cumpreanos foron os felices proxenitores Xabier Pérez e Natalia Llorente.
Toda a mañá dun espléndido día, todos os presentes gozaron nun horario de 10,00 a 14,00 h. dun Festival de Xogos e Deportes Tradicionais, onde non faltaron as andas, as chouchas, as carreiras de tartarugas e mazorcas, o sapo, a estrela, o zurriagazo, o peletre, o turra da maroma, etc. Realizáronse probas de forma recreativa e competitiva, entre pais e nais e nenos e nenas e tamén de forma mixta.
Despois de finalizado o festival tradicional cara ás dúas da tarde, todos os asistentes sentaron á mesa para repoñer forzas cun opíparo xantar campestre. A continuación Xana e Pablo sopraron as tortas pertinentes e escoitaron os “Aniversarios Felices” cantados por todos os seus amigos e amigas.
Para finalizar a festa, dividiuse a todos os nenos en dous grupos para tentar romper a dúas “Piñatas” preparadas, unha para os pequenos (de 2 a 5 anos) e outra para os maiores (de 6 a 9 anos). Como era de supoñer, ninguén levou a sorpresa da auga, da fariña, nin a dos bichos,…, se non que todos recibiron as numerosas chuches, piruletas, caramelos, etc… que se atopaban dentro das mesmas.
Unha sesión lúdico-festiva fantástica, que todos os asistentes agradeceron de maneira especial aos organizadores de dita nova actividade para todos eles. O noso director do museo, aproveitou a ocasión para entregar a todos os pais invitados, folletos do noso museo (algúns xa o coñecían), para convidarlles a que se achegasen a Ponteceso para visitarnos e tamén de paso, para coñecer as paraxes tan belas do noso concello, tanto a nivel monumental, museístico e gastronómico.
Unha xornada única, populosa, nova e extraordinaria!
Leave A Comment