Medio centenar de alumnos/as do CEIP Baiñas de Vimianzo, chegaron hoxe venres día 11 de novembro dia de “San Martiño buxainas ao camiño”, despois dunha ausencia de varios anos, a Ponteceso para realizar unha visita guiada ao Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA).
Compoñían o grupo alumnos e alumnas de ensino infantil (3-4-5 anos) e de 1º a 6º de primaria (6-a 11 anos) que viñan acompañados polos seus cinco titores Marcos Carballeira, Virginia Santabaya, José M. Santos, Carmen Pazos, Xosefina Fernández e dúas profesoras Carmen Nodar (relixión) e Pilar Blanco ( inglés).
Un grupo, aínda que numeroso, moi disciplinado e moi atento a todo o que alí se expoñía, participando en todo momento das actividades lúdicas planificadas. A duración da visita excedeu as tres horas, aínda sabendo o heteroxéneo do grupo, nenos moi pequenos con mozos adolescentes. A xornada foi espectacular. Como dato anecdótico ao ser o día da buxaina, non faltou como final de festa un “bailado” global de todos aqueles que sabían virar ese artefacto máxico giratorio.
Finalmente, desexando agradecer a súa permanencia nesta visita guiada, plasmaron no libro de visitas as seguintes palabras de agradecemento:
“Desde o CEIP. Baiñas queremos mostrar ao MELGA o noso agradecemento polo trato recibido e felicitar a todos os que participan neste labor tan valioso de non perder o noso Patrimonio do xogo e deporte, co noso agarimo. O alumnado do colexio e o seu profesorado. 11/11/22”
Leave A Comment