Con esta visita do día de onte o centro escolar coruñés CPR. Andaina Sociedade Cooperativa Galega realizou a súa cuarta visita guiada ao Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA) no que vai de ano pandémico. O grupo conformábano unha trintena de nenos e nenas de cuarto “ B” de primaria (9 e 10 anos) e viñan acompañados polas profesoras Andrea Mañá e Sandra Rumbo que exercía de titora-coordinadora do grupo e organizadora da actividade lúdica. Como sempre as recomendacións sanitarias exercéronse na súa totalidade.
A sesión matinal transcorreu desde as 10,30 h. ás 13,30 h. percorrendo as dúas salas do museo ao completo, atendendo as alocucións do director do MELGA, e realizando os diferentes xogos e deportes tradicionais programados para esta ocasión. Como o grupo do día anterior, do mesmo ciclo que este, tentaron por todos os medios bater algún record nos xogos e conseguir o agasallo final da visita. Neste caso achegáronse moito ás mellores marcas de carreiras de multiesquies, os hoyetes e as casas e igualaron o record no xogo do prato ou disco. Un grupo moi competitivo, participativo e inclusivo, pois un dos alumnos visitantes tiña problemas disfuncionais e participou intensamente en todos os xogos aplicados e nalgún case consegue facer a mellor marca.
A visita finalizou coa entrega de agasallos, para o mellor visitante que acertase mais preguntas sobre o patrimonio lúdico galego, obtendo a colección de peonzas, buxainas, perinolas e perindolas que o museo achega, o alumno Nuno Pratas de 9 anos de idade para que comece a súa colección particular.
As profesoras acompañantes comentaron
“Que aínda que xa tiñamos algunha referencia das súas anteriores compañeiras do centro, non pensaban que fose unha visita tan fantástica e recomendable para todos e esperaban que se correse a voz en todo o centro para proseguir mais visitas guiadas ao MELGA neste ano para todos os docentes dos ciclos escolares”
Como final de festa os compoñentes do grupo visitaron o Monte Blanco e xantaron no Piñeiral de Balarés, regresando A Coruña sobre as 16,00 h. Outra xornada memorable!
Leave A Comment