Onte, venres pola tarde día 20 de decembro de 2024, o noso presidente-director, Ricardo Pérez y Verdes, do MELGA (Museo Etnolúdico de Galicia) situado en Ponteceso, foi convidado a participar en directo no programa “Quen anda aí? Edición Especial de Nadal”, da Televisión de Galicia. Trátase dun magacín dirixido a todos os públicos onde a cultura, os entretementos, a gastronomía, a moda, os novos artistas (cantantes, músicos…), o turismo, a actualidade e as festas presentes converténdoo nun referente de gran audición en Galicia.
Ricardo foi entrevistado polos xornalistas da cadea galega Juan Fuentes, Raquel Atanes, Marcial Mouzo e Eva Iglesias. Ademáis de presentar en primicia algunhas escenas da reportaxe realizada días atrás durante unha visita guiada ao museo, o noso director foi “bombardeado” polos presentadores con preguntas sobre diversos temas: a súa vida académica, deportiva e profesional, a súa obra e pensamento como creador do MELGA, e tamén a historia dos xogos e deportes tradicionais en Galicia e no mundo. Pero o tema principal do día, dada a proximidade das datas dos Reis Magos, centrouse na seguinte cuestión: “Os xoguetes na historia e que xoguetes se regalaban por estas datas nas sociedades rurais e urbanas, é dicir, os xoguetes tradicionais (para os máis pobres) e os xoguetes industriais (para os máis ricos)”.
A gravación do programa realizouse nas instalacións da produtora Veralia e Tex 45, situada na veciña localidade de Ordes (A Coruña). O estudo estaba decorado cunha mesa que facía de exposición, na que se mostraban máis de medio centenar de obxectos galegos e internacionais, extraídos das vitrinas do MELGA para embelecer o espazo. Por insistencia de Ricardo, os presentadores Juan, Marcial e Eva puideron experimentar en primeira persoa con algúns destes xoguetes: tocaron bramadeiras paleolíticas, zumbóns galegos e axóuxeres artesanais; montáronse nun cabaliño de cartón; xogaron con casiñas de madeira alemás; recrearon batallas de indios e vaqueiros no Forte Comansi; fixeron soar xoguetes musicais e carracas; e viraron o zootropo e o praxinoscopio. Todo isto nun ambiente divertido e entretido, cun equilibrio perfecto entre cultura e festividade.
De fondo, proxectáronse numerosas fotografías de xoguetes antigos e reportaxes sobre os xoguetes que moitas persoas de distintas localidades de Galicia recordaban con nostalxia. Por suposto, non faltaron imaxes constantes do MELGA en Ponteceso.
Ao rematar a intervención, tanto o público coma os técnicos e os presentadores só tiveron palabras de agradecemento cara á nosa institución pola tarde tan especial vivida: “Quedamos alucinados!”. Para despedir este programa lúdico, Ricardo desexou a todos os presentes un Bo Nadal e un ano 2025 moi próspero. Animou tamén a visitar o MELGA en Ponteceso, a mercar moitos xoguetes tradicionais galegos e a ser bos durante o Nadal, pois, de non ser así, Melchor, Gaspar e Baltasar traerían “carbón” nesa noite máxica. Como mostra, Ricardo exhibiu uns zapatos con carbón expostos na mesa e nas súas propias mans.
Outra gran sorpresa que lembrou unha costume que, por desgraza, está case esquecida: “Temos que volver recuperar as nosas tradicións!”.
Podes ver a intervención de Ricardo Pérez y Verdes no Quen Anda Aí (minuto 41:25 seg.) facendo clic na seguinte imaxe:
Leave A Comment