O Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA) de Ponteceso, despois da reunión mantida pola mañá da VII Asemblea do Observatorio do Patrimonio Lúdico Gallego, continuou o seu labor asistencial nas sesións programadas polo Día da Festa do Xogos Tradicional en Muimenta-Cospeito (Lugo).
Despois do opíparo xantar campestre que se nos ofreceu a todos os asemblearios e xentes do pobo, deuse iniciada a sesión vespertina (16,00 h.) de actividades. E que mellor que reunidos todos os asistentes situados no campo da Igrexa Vella e baixo un centenario castaño, desenvolveuse un concerto de música, a cargo do valisoletano Germán Díaz, músico e compositor, un dos mellores intérpretes de zanfoña de toda Europa, onde algúns lle alcumaron “o Jimi Hendrix da zanfoña”, que coa súa mestría deleitounos os oídos coas súas últimas creacións.
Rematado o concerto tivo a Inauguración de dúas exposicións na Igrexa Vella, unha xoia do románico tardío (século XII e XIII), que foi restaurada por uns veciños para posiblemente albergar unha sala de exposicións estable, debido a que hai moitos anos que non se celebran actos relixiosos na mesma. Tivo a honra de inaugurar as mesmas a vicepresidenta da Deputación de Lugo Teresa A. Ferreira Tallón. A primeira exposición, a través de paneis, realizouse un percorrido fotográfico de todas as Festas dos Xogos Tradicionais que se realizaron en Muimenta desde o ano 2008 ata a actualidade. Trece anos de imaxes da man da súa “alma pater” Xosé Lombardero deste magnífico evento patrimonial. Seguidamente, pero esta vez no á dereita do interior da igrexa, deuse apertura á segunda exposición de medio centenar de pezas de museo sobre xogos e deportes tradicionais galegos e doutros países do mundo. Ditas exposicións permanecerán abertas ata setiembre deste ano 2021.
Sobre as 17,00 h. deron comezo as diversas actividades programadas para data, uns comezaron, co concurso Aberto de billarda, participantes das diferentes confederacións de Galicia (Pontevedra, A Coruña e Lugo) e todas aquelas persoas que lles apetecese lanzar unhas billas ao aire e golpealas. Outros se dedicaron, sobre todo os nenos e nenas da zona coas súas familias, a practicar no Festival de Xogos Tradicionais, cunha vintena de xogos (zancos, aros, sacos, tiro á lata, tiracroios, etc. e moitos xogos de taboleiro e de habilidade), situados todos eles na herba verde do campo.
Mentres transcorría ditas actividades, cara ás 18,00 h. da tarde, no Museo dos Zocos, sito á beira da Igrexa Vella, tivo lugar a segunda reunión da xornada, convocábaa a nova Federación Galega de Deportes Autóctonos, recentemente creada escasos días pola Xunta de Galicia. A mesma estaba aberta a todas aquelas persoas que estaban interesadas na temática, pois realmente era un debate para dar a coñecer os prol e contras, que a nova entidade podíanos carrexar no presente e o futuro. Como primeiro membro da mesma e en representación do deporte da billarda, Xan Rodiño, informou de todos os pormenores que levou á creación da institución. Foi un debate amplo e acalorado entre todos os presentes, dirimindo por algúns o rexeitamento á mesma e por outros deron a benvida a esta nova institución deportiva galega. Tamén tomaron parte as federacións de chave, birlos, etc. e especialistas no tema, neste caso, o noso director Ricardo Pérez e Verdes representando ao MELGA de Ponteceso, Paco Veiga da AGXPT, Xosé Barreiro presidente de Brinquedia, etc… que deron as oportunas aclaracións ao tema tratado. É un comezo e xa se programou para dentro dun mes aproximadamente un novo encontro.
E finalmente para finalizar unha xornada ao completo, da man de Quico Darriba, director do Museo Escolar de Muimenta, e membro activo de XOTRAMU, fíxonos unha visita guiada, a unha auténtica aula dunha escola rural, trasladándonos a aqueles anos de principios do século XX (1904). Todos os visitantes tivemos a oportunidade de asinar no seu libro de visitas.
Sendo as 20,00 h. da tarde, deuse por finalizada unha xornada única e moi completa sobre os Xogos e Deportes Tradicionais. Primeiramente nosos parabén a todo o pobo de Muimenta pola gran participación no devandito acto e en segundo lugar, o noso agradecemento inmenso a todos os membros da Asociación de Xogos e Deportes Tradicionais de Muimenta ( XOTRAMU) polo acollemento que nos dispensaron. É de destacar o gran labor que esta “grande” asociación segue facendo desde hai moitos anos, para o coñecemento, estudo, difusión e expansión do noso Patrimonio lúdico-cultural de Galicia. FELICIDADES!
Leave A Comment