Preto de medio centenar de persoas, onte en xornada matinal de 11,00 a 14,00 h., realizaron unha visita guiada ao MELGA (Museo Etnolúdico de Galicia) de Ponteceso. Os compoñentes do grupo correspondían a dúas xeracións ben distintas, por unha banda persoas do Centro de Día de Cabana de Bergantiños e doutra banda os alumnos e alumnas de 3º de Educación Primaria do CPI. As Revoltas, tamén do mesmo municipio. As idades dos nosos visitantes por parte das “avós/ as” contaban entre os 70 e 90 anos de idade, mentres a dos discentes estaba entre os 8 e 9 anos. Os dous grupos estaban coordinados por parte das asistentes Reyes Novoa, Montse López e Rocío Tasende en canto ás persoas do Centro de Día, e os profesores/ as Caridade Prieto e José Manuel Casal o do centro escolar de As Revoltas.
A experiencia foi proposta polos devanditos profesores/ as que desexaban comprobar se os xogos entre diferentes xeracións era factible, aínda que houbese unha distancia importante entre cultura e coñecementos. Os avós e avoas expoñían os seus coñecementos e trasladaban os mesmos aos novos estudantes e estes á súa vez axudaban á práctica de moitos dos xogos presentados. Un ambiente magnífico de intercambio xeracional que todos quedamos en repetir en posteriores actuacións dita experiencia.
Leave A Comment