Gran xornada no Melga: Visita e donación

Onte xoves santo pola tarde tivemos a visita inestimable de Mariña Regueiro González- Barros e de Carmen Romeu Fadrique, ambas amigas desde os seus estudos universitarios da universidade Complutense de Madrid.  Mariña Regueiro González-Barros, como saben, é licenciada en Letras (Filoloxía),  unha das mellores especialistas no mundo e pioneira do ensino intensivo sobre o encaixe de palillos (bolillos) en España, profesora da escola que leva o seu nome desde 1983. Dá conferencias en todo o mundo, escritora e articulista en diferentes mass-medias  e traballou cos grande mestres  estranxeiros da especialidade, investigando e intercambiando experiencias sobre a temática. Sobre Carmen Romeu Fadrique, tamén é licenciada en Letras, rama Filoloxía, pintora, investigadora e escritora sobre temas de arquitectura e docente durante moitos anos. Para nós foi unha gran honra en compartir, con dous grandes difusoras  da cultura galega, máis de dúas horas de amena charla, nunha visita guiada.

 

Despois do percorrido histórico tradicional pola instalación museística, veu a Sorpresa!, que ambas nos tiñan reservada. Fixéronnos unha doazón de pezas antigas dos seus familiares e persoais. Algunha delas da avoa de Mariña, Trindade Castro Rodríguez, de finais do século XIX (1885-90), consistente nunha colección de miniaturas dun xogo de café de barro, así como outros de porcelana e plástico (cuncas, teteras, xerras, etc). Tamén pipas de buxo, bonecas de trapo, dúas almofadas de bolillos ou palillos (unha portuguesa de Vila do Conde e outra de Camariñas) e unha caixiña de folladelata de pesas e medidas . Por parte de Carmen Romeu doou unha boneca Nenuco Mulata, a única que fixo a empresa Famosa, entre os anos 1977-80, vestida integramente con roupas confeccionadas por ela mesma.

En exitoso día festivo de Semana Santa, onde máis de media centena de visitantes(68) desprazáronse ao noso museo, na súa maioría galegos (Carballo, Camariñas, A Coruña, Corme, Vigo, Ferrol, e Betanzos), outros nacionais (Vascongadas, Asturias e Castela León) e un matrimonio de Albania cos seus fillos( acompañados duns amigos de Galicia).

Quixese terminar esta información coas palabras de Mariña, que nos deixou no “Libro de Ouro” do MELGA:  “Unha visita inesquecible. Quedamos impresionadas, non só das pezas que atesouras, que mostran o celo co que foron rescatadas, senón tamén da pedagóxica distribución diacrónica que pon de manifesto un gran coñecemento e respecto pola Historia. Chegaches a tempo de rescatar as tradicións dunha Galicia que se precipita cara ao abismo da globalidad: iso merece un aplauso. Sen mencionar que é o traballo de toda unha vida que merece un recoñecemento colectivo” . Grazas. Estamos seguros, que seguiremos loitando, ainda que as institucións públicas non apoien a nosa labor, en prol das xentes de Galicia para deixarlle un legado, dentro da nosa modestia, para que sexa máis sabia, máis culta e máis lúdica.

Leave A Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.