Onte sábado tivemos a gran honra de recibir nas instalacións do Museo Etnolúdico de Galicia ( MELGA) de Ponteceso, aos ilustres museólogos Eustaquio Castelán Zapater e Pedro J. Lavado Paradinas, acompañados das súas esposas Rosa Maciá Rubio e Pomba Martín Aceves respectivamente, para realizar unha visita guiada especial, co noso director do Museo e Presidente da Fundación Ricardo Pérez e Verdes.
Despois de preparar as súas vacacións estivais para percorrer a maior parte dos municipios da Costa da Morte e por descontado o fundamental e prioritario a visita obrigada á vila pondaliana de Ponteceso dos nosos amigos colegas o turolense Eustaquio (mais coñecido por Taqui) e o madrileño Pedro, onte por fin cumpriron a promesa, a ilusión e as inmensas ansias de coñecer o noso modesto recinto museístico, cuxa referencia éralles moi coñecida desde facía tempo.
Taqui é o director e propietario do Museo do Xoguete de Albarracín, un dos museos de xoguetes mais importantes de Europa, conxuntamente co de Malinas (Bélxica). O museo alberga a mellor colección de xoguete antigos, que van desde o século XIX ata finais dos anos 70 do anterior século XX. Foi inaugurado no ano 1997, con todas as pezas propiedade do noso amigo onde non faltan as bonecas, material escolar, mueblecillos, cociñas, coches e motos, trens, xogos de construción, xoguetes de hojalata, soldaditos de chumbo, recortables (único en España), monicreques, etc. Nestes momentos, tamén ostenta a presidencia da súa Fundación, imparte conferencias, talleres e realizando exposicións temáticas, levando o seu patrimonio por todos os recunchos de España e Portugal. Ao seu lado, atópase a súa esposa Rosa, unha gran especialista no mundo do xoguete, a única persoa en España que realiza a través dos seus talleres impartidos, a creación dos mellores soldadiños de chumbo, confeccionados a través de moldes de fundición, da mesma de maneira que se realizaban antigamente en Alemaña desde o século XVIII. Un tándem de envergadura sobre o mundo do xoguete industrial.
Pola súa banda Pedro é profesor de Arte, Conservador de Museos e director do Museo de Marionetas e Monicreques mellor de España e un fanático coleccionista de xoguetes antigos. A súa abundante colección de marionetas, preto de tres mil cincocentas pezas, foron adquiridas nas súas constantes viaxes dando conferencias polos cinco continentes e en anticuarios europeos. Paloma, a súa esposa licenciada en Historia da Arte, acompáñalle por todo o mundo tamén dando conferencias, realizando exposicións sobre o mundo do xoguete e como Pedro, unha fanática do mundo das marionetas. Outro dueto de alta envergadura.
Despois dunha mañá moi entrañable no MELGA, os ilustres museólogos asinaron no Libro de Ouro, expresando o seu verdadeiro e sincera honra de compartir co director do museo, unha xornada tan ampla en coñecementos, experiencias e contraste de opinións diversas. As súas palabras textuais quedaron reflectidas no mesmo da seguinte maneira: “Despois de dous anos esperando a visita, valeu a pena e considérome debedor e comprométome a incrementar o contido deste museo. Moitas felicidades e vive moitos anos para gozalo” (Taqui). “Sorprendida e marabillada de ver un museo único e encantador” (Rosa). “Foi un pracer e un descubrimento este museo. Un paso pola historia e a vida que debe percorrerse polo menos unha vez na vida. Altamente recomendable” (Pedro) e finalmente “Unha gran colección e unha visita encantadora. Recomendareino e espero regresar para volver gozalo”(Paloma).
Finalizada a sesión lúdico-cultural, continuouse coa gastronómica en Ponteceso e as visitas turísticas do municipio (Monte Blanco, Balarés, Corme, Casa Eduardo Pondal,…), as do concello de Cabana ( Borneiro, Dolmen,…), Laxe (museo) e Malpica de Bergantiños ( Forno do Forte, Buño,…)
É un dos días que o Padroado da Fundación Ricardo Pérez e Verdes e o MELGA de Ponteceso, que sentimos mais altamente recoñecidos, xa que as opinións vertidas por uns grandes expertos museólogos como os que hoxe nos visitaron, dan apoio a un reto moi difícil de conseguir e por moi poucos alcanzable, iniciado soamente fai escasamente cinco anos na Costa da Morte. Grazas inmensas polo soporte dado á nosa ilusión e paixón sobre o mundo da historia dos xogos e deportes tradicionais.
Como final de “festa” e intercambio de recordos, fíxoselle entrega, por parte de Pedro Lavado en nome de todos, ao noso director un extraordinario vídeo ( Life story) feito por el, con música do francés Louis Hector Berliotz, da visita efectuada no día, coas mellores pasaxes do percorrido, que sen dúbida servirá como introdución a todas nosas futuras e próximas visitas guiadas ao MELGA. Extraordinario!
Leave A Comment